Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

PREMIOS ALECRÍN DE OURO 2021

Xoán Carlos García Porral: “Cando chega un recoñecemento de fóra é unha sorpresa agradable”

Xoán Carlos García Porral.

Sen contar con el, Xoán Carlos García Porral é o gañador do Alecrín de Ouro no eido de escritor local. Recollerá o premio, xunto ao resto de galardonados, este mediodía no Auditorio Municipal de Lalín.

–Que relevancia ten este recoñecemento para vostede?

–A verdade é que foi unha sorpresa. Cando che chega o recoñecemento dunha entidade de fóra non deixa de ser unha sorpresa agradable, aínda que tamén algo estraño. Moitas veces no ambiente no que te moves ese recoñecemento non chega, porque quizais eres máis familiar, entón nese sentido chegou dunha maneira moi satisfactoria.

–Cales son as principais temáticas que se recollen nos seus libros?

–Principalmente traballo na análise do mundo rural e nos cambios que se produciron nel a nivel galego. Logo dende o punto de vista etnográfico, tamén me centro na recollida de lendas e microtoponimia.

–De onde xorde ese interese por tratar estas dúas cuestións?

–A min sempre me gustou o tema das lendas, da tiponimia e das lendas asociadas a ela. De pequeno escoitaba falar disto, sobre todo porque na aldea na que vivo hai un castro ao carón e a xente máis maior contaba historias da moura que vivía nel. Vaslle collendo certa simpatía e co paso do tempo vaste afeccionando a unha determinada temática. Eu afeccioneime a recoller o patrimonio inmaterial. Despois, como nacín e vivo no mundo rural, outra das cuestións sobres as que traballo é a análise do mundo rural dende un punto de vista antropolóxico e dos cambios que se van producindo nel. Por exemplo, no ensaio Fondo Rural exponse a cuestión de querer voltar ao rural por mor da pandemia, pola liberdade que dá. É como se se botara de menos e hai que reconstruir isto, darlle un novo significado a vivir no rural.

–As súas obras céntranse sobre todo na Comarca do Deza...

–Si. Traballo sobre todo na recollida de patrimonio inmanterial pola zona. Con algúns rapaces do IES Pintor Colmeiro tamén tentamos recuperar a microtoponimia, senón son cousas que se perden. É moi agradecido, sobre todo cando atopas nenos que lles gusta traballar niso e se implican.

Pasacalles da banda de gaitas en Lalín. BERNABÉ/ANA AGRA

José Ramón Vilela, presidente de Carballo da Manteiga: "Supón un aliciente para seguir aí, sobre todo nestes tempos"

Alecrín de Ouro no eido da música tradicional. É o recoñecemento que a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña lle outorgrará hoxe á asociación cultural lalinense Carballo da Manteiga.

–Que significa este premio para a agrupación?

–Estamos moi contentos e supón un aliciente para seguir aí, sobre todo nestes tempos. É un pulo máis para dicir que aínda seguimos existindo, un recoñecemento ao labor que facemos.

–Como se foi desenvolvendo o curso durante esta situación pandémica?

–Fixemos as clases presencialmente cando se puido, xa que houbo algúns meses que tivemos que parar pola cuestión sanitaria. Houbo que gardar a distancia e cumprir con todas as medidas sanitarias. Despois tamén hai xente que ten medo e ao final foi un curso atípico. A situación que estamos vivindo tamén implica que haxa menos alumnos e que non se poida ensaiar co mesmo ritmo que antes.

–Hai pouco participaron no XII Certamen Celtibérico de Bandas de Gaitas e gañaron o primeiro premio na súa modalidade...

–Si. É outro tipo de premio, máis competitivo. Os dous serven como motivación para seguir adiante. Dada a situación, o certame tamén foi un estímulo, xa que non tivemos moitas oportunidades de tocar este ano sen contar as clases.

–Teñen algunhas actuacións máis previstas?

–Ademais da de hoxe no certame, non. Foi unha sorte participar no certame e que se puidera facer, pero non hai nada máis. Tampouco hai moitas ocasións posto que non hai festas patronais nas parroquias e ao final é complexo, porque economicamente tamén repercute.

Compartir el artículo

stats