A primeira novela galega moderna, Maxina ou a filla espuria (1870), foi obra dun ilustre estradense con inquedanzas de fixación da lingua en pleno Rexurdimento, Marcial Valladares Núñez. Lexicógrafo de referenza, autor do primeiro dicionario en galego e mesmo dunha gramática, quedaría moi descontento da versión que vería a luz por entregas no 1880 na revista “La Ilustración Gallega y Asturiana” que dirixía Manuel Murguía. Así o faría constar cando decidiu escribir de puño e letra o texto axeitado para garantir a súa conservación.

É o que, grazas a outro estradense, Xesús Domínguez Dono, así como á editorial Galaxia para a que traballa e ao apoio da Real Academia Galega (RAG) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe outro estradense, Valentín García, acaba de ver a luz para conmemorar que en xuño se cumpriron 200 anos do nacemento en Berres de Valladares, este “imprescindible” das letras galegas, tal e como salientou onte García.

Foi Domínguez, tamén de Berres, quen se percatou deste feliz aniversario e lle propuxo ao director xeral de Galaxia, Francisco Castro, reeditar un texto que el mesmo tivera como lectura obrigatoria ao estudar no instituto da Estrada nos oitenta. Sabía que, de ser lectura obrigatoria, Maxina pasara a ser unha obra que só se podía atopar en bibliotecas ao estar descatalogada.

Para poñer de novo en circulación este clásico propuxo facer unha edición anotada. E tivo acceso ao orixinal manuscrito de Valladares que –xunto con outros do dicionario e do cantigueiro que recolleu na zona– conserva o Arquivo da RAG, tras ser doado polo Centro Galego de Bos Aires en 1970 (cando se lle adicaron as Letras Galegas). Plantexou entón o libro tal e como xa se pode atopar nas librarías: con tapas duras de tea que reproducen o caderno orixinal, cunha primeira edición autorizada e a edición facísimile da obra a tamaño real, que esixiu fotografar páxina a páxina o orixinal. Grazas ao apoio de RAG e Xunta a obra sae ao mercado a un prezo accesible para o público.

A primeira parte adapta a novela á ortografía galega actual pero conserva peculiaridades da lingua de Valladares, como hiperenxebrismos, vulgarismos (no xeito de falar dos labregos, por exemplo, dicindo “probe” ou empregando o seseo) e castelanismos, mostras da utilización do “castrapo” no día a día do XIX. Así o dixo onte Domínguez, subliñando que ao xeito de falar de cada personaxe, que o define, “non lle tocamos”. “Facemos unha adaptación do texto do narrador” que o fai máis accesible ao público actual porque, por exemplo, Valladares “escribía con apóstrofe e iota”. Un prólogo contextualizador de Xosé Antonio Fernández Salgado, o máximo coñecedor da obra de García Barros, completan o volume, que presentaron onte na Estrada o presidente da RAG, Víctor Freixanes; o secretario xeral Valentín García; así como Francisco Castro e Xesús Domínguez Dono por Galaxia; e Juan Constenla polo Concello. Xiana Lastra e as estradenses Andrea e Marcela Porto da Banda da Loba amenizaron o evento.