Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NA LATITUDE DO DEZA

Arte rupestre no limbo en Cadrón

A estación de Coto do Marco non goza de protección legal e foi obxecto de continuo maltrato inconsciente por parte de todos os que realizaron actividades neste monte

Restos de carga de madeira e de tránsito de vehículos na zona da estación. A.P.

No monte que queda por encima da localidade de O Castelo, parroquia de Cadrón (Lalín), coñecido como Coto do Marco, hai unha pequena e case descoñecida estación de arte rupestre, descuberta nestes últimos anos por investigadores como Daniel González Alén e Ángel Utrera, segundo publicacións realizadas, tanto nas redes sociais, como en prensa. O feito de que sexa unha estación case descoñecida e pequena non quere dicir que non sexa importante, senón todo o contrario. Mais, polo de agora, non foi tida en conta en ningún dos rexistros de patrimonio do Concello de Lalín, nin no catálogo da Xunta de Galicia, polo que non goza dunha protección legal recoñecida, debido ao suposto descoñecemento oficial da súa existencia.

Localización da estación rupestre de Coto do Marco, entre os lugares de O Castelo e Cadrón. A.P.

Estes petróglifos, unha mesturanza de elementos prehistóricos (circulos concéntricos, cazoletas...) e históricos (cruces, cruceiros e ferraduras) foron obxecto de continuo maltrato inconsciente por parte de todos cantos realizaron actividades no monte: explotación de canteiras de pedra granítica, madeireiros, plantadores de eucaliptos, etc. Así, durante a fase de explotación das dúas canteiras (1998-2012), que se atopan a escasa distancia, sofriron as consecuencias da ampliación da pista de acceso e o tránsito e aparcamento de diversos vehículos e maquinaria. Unha vez cesada a actividade extractiva de pedra ornamental tiveron lugar traballos forestais, como a tala de piñeiros, que tamén ocasionaron danos colaterais debido a cargas e descargas de árbores taladas durante o inverno de 2018-2019. Coincidindo con eses traballos de carácter forestal, ao abrigo destas rochas, acendeuse lume encima dun grabado rupestre para quentarse do frío que houbo no mes de marzo de 2019, deixando sobre o mesmo cinzas e candas.

Vertidos de escombro e lixo sobre elementos artísticos do xacemento.

Vertidos de escombro e lixo sobre elementos artísticos do xacemento. A.P.

A maiores de todo isto, tamén se estiveron a verter escombros (chapas de fibrocemento, a popular uralita) e lixo (botellas, envases diversos, etc.), ao pé da estación de arte.

Restos dun lume acendido sobre os petróglifos. A.P.

Considerando a situación real e a problemática deste singular xacemento arqueolóxico, non debidamente prospectado, é polo que solicito que a Consellería de Cultura, en atribución ás súas competencias, proceda á debida catalogación desta estación de arte rupestre, localizada no lugar de Coto do Marco.

Rocha con gravados prehistóricos e históricos.

Rocha con gravados prehistóricos e históricos. A.P.

Compartir el artículo

stats