Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O inexistente parque te mático arqueolóxico entre Lalín e Agolada

A existencia dunha vintena de estacións de petróglifos, mámoas e castros, amais de igrexas, cruceiros, hórreos e muiños, xustifican xa de por sí que as administracións poñan o máximo interese na preparación e difusión deste inigualabe espazo

Restos dun antigo enterramento en Namelas.

Restos dun antigo enterramento en Namelas.

No ano 2005, o investigador e cronista dezao Daniel González Alén publicaba nos xornais os traballos de campo realizados na parroquia de Moimenta (Lalín), nos que puxeran en valor a descuberta de restos arqueolóxicos, así como a aparición de dúas novas estacións de petróglifos de relativa importancia: unha no monte coñecido como Cal-Trasdaigrexa e outra no denominado Monte da Costa, no que viña a cumprimentar e completar os que xa antes, no ano 1989, estudara e recollera no seu libro sobre A Comarca de Deza, con Armando Vázquez, manual de traballo e campo imprescindible para os que gustamos de coñecer e saber máis da nosa historia e patrimonio agochada nas sombras do pasado.

Daquela o noso amigo, recoñecido polo seu traballo durante anos a prol da cultura e historia de Deza coa entrega polo Concello de Lalín da Folla de Carballo, falaba da necesidade da declaración como BIC, polas autoridades de Patrimonio da Xunta de Galicia, así como da posibilidade de realizar un parque temático arqueolóxico, dada a cantidade de restos arqueolóxicos e artísticos da zona. Enténdase como tales: mámoas, sartegos antropomorfos, estacións de petróglifos, igrexas de orixe románico, cruceiros, hórreos e outras construcións civís de alto valor cultural e etnográfico.

Sen dúbida, Daniel González Alen está cargado de razóns e argumentos de peso máis que sobrados para tal proposta, como expoño eu mesmo no presente artigo, que non ten máis finalidade que a de divulgar e dar a coñecer, dado que por desgraza carezo dos coñecementos mínimos necesarios para falar en propiedade sobre o valor e importancia destes achádevos tanto de Moimenta, como de Parada e Alperiz, lugares de Lalín, e os de Laxosa e Gurgueiro, en Agolada, sen esquecer os de indubidable valor que merecerían un parque temático propio, como son os de Axiaz e Ventosa.

Recorrer, visitar e admirar nun radio de non máis de vinte quilómetros, arredor dunha vintena estacións de petróglifos e outras tantas mámoas, ademais de dúas impresionantes igrexas románicas, varios castros, vellos muíños, cruceiro e hórreos e a inigualable Ponte dos Cabalos, xustifican xa de por si que as administracións -por boca da delegación de Cultura e Patrimonio da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio da Deputación de Pontevedra e os respectivos Concellos de Lalín e Agolada- tomaran cartas no asunto e puxeran o máximo de interese na preparación e difusión deste inigualable parque temático inexistente, lamentablemente.

Comezo en Moimenta

O parque en si mesmo xa se xustificaría tan so polos restos arqueolóxicos coñecidos e estudados de Moimenta: no de A Cal-Tralaeirexe atopamos sobre unha rocha granítica de moi bo tamaño unha grande cantidade de cazoletas, e preto dela, escavado no chan, un sartego de pedra e resto doutro desaparecido, e tralo valado da finca próxima, outro novo sartego case cuberto de maleza e terra. A existencia de todos estes restos, así como da coñecida e referida Pena da Cruz, co gravado dun cervo, poñen de manifesto a importancia que no seu momento debeu ter o desaparido Castro de Castrillón, orixe da actual aldea. Por certo, non debemos esquecer a visita á igrexa parroquial, na que imos atopar outro sartego medieval, así como os restos da desaparecida Torre da Balouta, e casas, moitas delas en estado ruinoso, de incalculable valor etnográfico.

Continuando a visita temática polo inexistente parque subiríamos ao Monte da Costa, onde existen outras tres estacións, con interesantes gravados, e combinacións circulares, así como cazoletas e coviñas, algunhas dobres, segundo refire o propio Daniel González Alen, no seu citado artigo. Dende aquí o roteiro ten obrigatoriamente que coller cara a arroquia de Parada e Alperiz, pasando por Carballeda, onde temos varios muíños recuperados recentemente polos veciños, de excelente factura, así como outro sartego antropomorfo case oculto pola maleza, á saída da aldea, nun camiño á esquerda que nos leva o monte, e diversas cruces, posiblemente perdidas na súa orixe nas guerras carlistas que asolaron a nosa terra.

Ponte dos Cabalos

No lugar de Parada (Santa María), porque era obrigado a parada e pago do conseguinte portazgo -dereitos de paso para vadear o río- temos catalogado e estudado polos expertos arqueólogos un dos castros máis impoñentes da comarca, colgado case sobre as frías augas do río Arnego, sobre o que cae en forte pendente, case que abismo, que o fai inexpugnable, e que tan so se salvan pola ponte medieval chamada "dos Cabalos", no camiño medieval dos arrieiros, no que se atopaban os peregrinos e camiñantes que baixaban da Serra do Faro, andando o Camiño de Inverno cara as terras do Apóstolo en Compostela, cando os fríos e as neves facían imposible o paso polo Cebreiro e os tratantes e comerciantes do viño do Ribeiro, que chegaban cos seus carros cargados de bocois buscando paso cara Melide e Arzúa, tal e como expón Elisa Ferreira Priegue no seu libro Os Camiños Medievais en Galicia.

Continuando viaxe, a moi poucos quilómetros, atopamos as coñecidas Mámoas de Alperiz, así como a súa fermosísima Igrexa de San Pedro, románica do século XIII, e os restos doutro sartego reconvertido en pía abrevadeiro para o gando. Falamos das coñecidas como Mámoas da Cruz, conxunto de seis mámoas, algunhas moi deterioradas, con túmulo e gravados, así como o denominado Altar do Sol, sobre o que no ano 2006 se realizaron diversos traballos de posta en valor, e catalogación por parte de arqueólogos da Xunta de Galicia.

Dende aquí, o Arnego a tiro de pedra ou carreiriña de can, para cruzalo pola Ponte nova, e tomar as terras do concello veciño de Agolada, dirección Ventosa. Aínda que, antes de nada, temos que facer a salvedade de que para nós case que resulta moito máis recomendable se facemos o roteiro a pé; evidentemente, coller o camiño de Parada, para acercarnos primeiro a visitar o seu castro, e logo buscar a Ponte dos Cabalos, para salvar o Arnego e achegarnos a Laxosa, en Gurgueiro (Agolada). Aínda que outra posibilidade, obrigada se imos en coche, é coller cara San Miguel, dirección Agolada, buscando a aldea de Laxosa.

Por terras agoladesas

A abundancia de restos arqueolóxicos, neste entorno xa de por si resulta merecente de visita e dun roteiro exclusivo e, dende logo, cando menos, de puntos de información e sinalización, absolutamente inexistentes na actualidade. Laxosa agocha unha considerable cantidade de estacións de petróglifos, empezando pola pedra das serpes, sen dúbida un menhir, que co paso do tempo caeu ata quedar horizontalmente, polo que, de momento, descoñecemos se na outra parte desta enorme rocha de forma puntiaguda, hai tamén gravados, como os que afortunadamente podemos contemplar.

Falamos, seguidamente, dos petróglifos coñecidos e distribuídos por varios puntos nun radio relativamente pequeno e localizados no entorno do que anos máis tarde se ía coñecer como o "camiño real". Podemos visitar, sen demasiadas dificultades, cinco diferentes puntos onde atopamos gravados, ao longo deste camiño; tres practicamente colindantes, outra laxe en San Miguel e unha máis no monte de Laxosa. Aquí atopamos círculos, coviñas, espirais concéntricos, liñas serpiformes, etc. A variedade dos restos é moi diversa, o seu estado de conservación relativamente bo e dende logo paga a pena facer o esforzo de visitalos e coñecelos, para o que resulta imprescindible a súa correcta sinalización, como temos observados noutros lugares nos que os restos arqueolóxicos constitúen un impresionante patrimonio cultural e turístico, aquí absolutamente desaproveitado.

Xa unicamente, polo que levamos descrito, a necesidade de crear un parque temático, ou cando menos dotalos das oportunas explicacións e sinalizacións, ten razón de ser, por si mesmo, pero é que aínda, se continuamos camiño cara os montes de Axiaz, quedaremos abraiados pola riqueza, e abundancia existentes en todo o seu entorno. Aquí, dende o campo do Xastre, nos montes do Turubelo e Axiaz, a abundancia de mámoas e petróglifos, e a súa riqueza en formas e gravados, estudados hai anos, e recollidos en diversas publicacións de arqueólogos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), como Emilio Rodríguez Álvarez, Carlos Rodríguez Rellán, Ramón Fábregas Valcarce, así como os traballos desenvolvidos por arqueólogos de outras universidades, converten estas terras en punto do máximo interese para amantes da linguaxe das pedras e o misterio que a envolve. Falamos de lugares como os do Campo do Xastre, Tras Outeiro, O Coto Caldeiro e Cornellal e coto da Aspra, as Namelas e o propio monte Turubelo, no que en total hai catalogadas e estudadas unhas 25 estacións, con gravados de puñais, combinacions circulares, alabardas e outras sen identificar. O petróglifo do Coto Cornellal presenta seis combinacións de círculos concéntricos cunha cazoleta central cada un, así como coviñas e outros círculos máis pequenos.

Final en Ventosa

Finalmente, para rematar este impresionante roteiro, achegariámonos ata Ventosa (Agolada),onde resulta obrigada a visita a súa igrexa, románica. Na denominada "catedral do rural galego imos quedar extasiados, sen lugar a dúbidas cos alucinantes baldaquinos que agocha o seu interior. Logo tocaría repoñer forzas, e para iso tamén hai históricos establecementos hosteleiros, moi recomendables, ao longo do recorrido.

Compartir el artículo

stats