O IES Marco do Camballón vén de publicar o primeiro número da revista Setestrelo, promovida polo departamento de matemáticas, que imparte a materia de libre configuración Iniciación á astronomía (1º BAC). Retoma o traballo de divulgación astronómica realizado na comarca por José María López Pérez –coñecido popularmente como O Neno das Estrelas–, creador do observatorio do Couto de Zarragrande e da revista Astronomía Amateur.

Setestrelo estréase cun artigo da astrofísica Ana Ulla titulado Variábeis cataclísmicas, versión actualizada do que fora publicado en Astronomía amateur, xunto con outro do propio José María López, Conxecturas sobre o universo. O alumnado de astronomía dos dous últimos cursos elaborou artigos sobre o relevo lunar, parámetros estelares e catálogos. Achega unha entrevista a Ramón Iglesias Marzoa, astrofísico do CEFCA, e ilustracións orixinais de Jose M. Iglesias García e Séchu Sende.