Nesta condenada estación de tránsito hacia o calor que ten como nome primavera, este pasado luns, no último tramo do día, deixounos Espiño, Manolo, Martís para os amigos. 

Ese Martís polo que pasaron tantos e tantos alumnos/as polas súas mans, cos que artellou innumerables fórmulas didácticas para darlle unha saída satisfactoria a cada un deles, delas. Dende explicar as matemáticas a través do camiño de Santiago ate subir un neno/a a un escenario ou soltalo nun campo de xogo. Mesmamente implicar a toda a comunidade educativa para ir a traballar un domingo facendo unha festa de mestres, alumnos e nais/pais : un bo docente.

Ese Martís eternamente ruralista que dende a xuventude soñou cun mundo mellor co que el atopou. Ese Martís que loitou por un Concello máis armónico entre a vila e o rural dándolle máis pulo ó rural, dende a oposición, dende o goberno, solidario, respetuoso, aguerrido, forte, cariñoso, colaborador, defensor das decisións colectivas... Un bo compañeiro.

Ese Martís sempre aberto, disposto a prestarlle axuda a quen a precisara, animador, amante do seu Loimil natal, namorado da amizade. Cando todo apuntaba á dificultade sempre tiña recursos. Un bo amigo.

Este luns tomou un barco para unha nova travesía. Cando o imaxinei marchar vin nas súas velas a palabra libertade. 

Boa viaxe compañeiro e amigo; deixas atrás unha fonda e positiva pegada naqueles que estivemos o teu carón nalgún momento. Ata sempre.

*Secretario xeral para Galicia de FETE-UGT