Síguenos en redes sociales:

A ilustradora que defendeu a Plutón e gañou un premio

Gloria Gómez Pavía estrea a nómina dos Premios Albergue Quiñoi de Álbum Ilustrado

A ilustradora que defendeu a Plutón e gañou un premio

Chámase Gloria Gómez Pavía e a súa paixón é a música. Sen embargo, estes meses de pandemia deixáronlle tempo libre para o debuxo, algo no que tamén se atopa a si mesma dende pequena. Cos seus lápices foi quen de tecer un alegato de defensa en favor de Plutón, sumándose aos moitos desencantados con que este planeta anano teña sido marxinado do Sistema Solar e xa non sexa posible rematar nel a cantiga que enumeraba con fugacidade aos astros que acompañan á Terra na Vía Láctea. Esta compostelana de 21 anos converteuse onte na autora que inaugura a nómina de gañadores do Premio Alberte Quiñoi de Banda Ilustrada convocado polo Concello da Estrada.

O xurado encargado de fallar o galardón estivo composto por Yolanda Castaño Pereira, Sara Valcárcel Maceira, Rosa María Herráiz Cabanas, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, este último exercendo como secretario. Tras valorar os orixinais presentados, e logo de distintas seleccións e contraste de opinións previas á reunión de onte, o xurado acordou, por unanimidade conceder o premio á obra titulada Eva, a carteira espacial, unha peza presentada baixo o pseudónimo Sonia Rollings. A apertura da plica desvelou o nome da autora.

O xurado destacou que é unha proposta “moi expresiva, con ilustracións orixinais e cunha linguaxe propia, que nos adentra nun mundo evocador cunha paleta de cores impactante e atractiva”. Engade a acta que a gañadora “vertebra cuestións de ciencia nun relato integrador que apunta valores comunitarios, ben equilibrados coa vontade individual, autonomía persoal e a posta en valor dos oficios de sempre, da importancia dos procesos e das súas necesarias esperas”. “A acollida do pequeno, do diferente, no seo dunha comunidade plural e que teña en conta os coidados; a interconexión, a comunicación, a socialización máis humana son outros dos acertos a xuízo dun xurado que puxo en alta estima a numerosa participación e abraiante nivel creativo das propostas”, remata.

A compostelana Gloria Gómez Pavía.

“Estou encandísima. Non me adicaba moito á ilustración e agora, como teño máis tempo, retomeino”, explica a gañadora. Sinala que sempre debuxou, dun xeito constante dende os 11 anos. A obra premiada tivo o seu xerme na repetición dun personaxe entre ilustracións soltas. “Gustoume; vin que saía o concurso e animeime”, explica. Eva,a protagonista, é unha rapaza da Lúa que quere ser carteira e á que lle piden que entregue unha carta nun planeta moi pequeno, ao que xa non xa non adoita chegar o correo nin o transporte porque quedou aíllado do Sistema Solar. Para chegar a Putón terá que pasar por outros planetas máis próximos ao astro rei, onde irá atopando xente que tamén quere recuperar o contacto coas xentes de Plutón.

Nesta viaxe por 40 ilustracións vaise facendo unha reivindicación do planeta anano que quedou expulsado hai anos do sistema no que se inclúe a Terra. Estes debuxos naceron da man de Gloria no momento no que leu que A Estrada se animaba a completar a súa convocatoria de premios literarios cun específico de banda deseñada. As últimas ilustracións rematounas pouco antes da entrega.

O prestixioso xurado quedou abraiado coa cantidade e calidade das obras presentadas a esta primeira edición do Premio Alberte Quiñoi. En total foron 31 as aspirantes a facerse con este galardón, que ten unha dotación económica de 2.000 euros e a publicación do libro por parte da Editorial Galaxia. Gloria Gómez Pavía recibirá o seu premio nun acto programado nos días próximos á celebración das Letras Galegas. Ese día, Plutón brillará con máis forza e parecerá máis grande.

Pulsa para ver más contenido para ti