Síguenos en redes sociales:

Adega activa en Ramil unha campaña para a recuperación do teixo

Dezasete voluntarios plantan 40 árbores desta especie que está a desaparecer de Galicia na contorna da Eira da Xoana

Adega activa en Ramil unha campaña para a recuperación do teixo

O teixo: tempo ao tempo é o título dunha campaña promovida por la asociación ecoloxista Adega e a Fundación Eira que trata de poñer en valor esta especie arbórea milenaria que está a desaparecer do noso territorio. A repoboación que tivo lugar o pasado sábado, día 6, na contorna da Eira da Xoana, na parroquia agoladesa de Ramil, serviu de experiencia piloto.

O teixo (Taxus baccata) é unha árbore de crecemento lento que posúe un elevado simbolismo na cultura de Galicia. A campaña serve de metáfora para reivindicar un estilo de vida pausado, que sexa respectuoso co medio natural, cos habitats e coas especies, acompañando os tempos da natureza, en definitiva, “dándolle tempo ao tempo”.

A actividade do sábado contou co asesoramento e colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e impulsor do proxecto LIFE Baccata, que doou á campaña parte dos teixos que se plantaron. Outra entidade involucrada nesta iniciativa é o CFEA de Lourizán, que aportou, igualmente, outras especies de árbores, coma loureiros, érbedos ou nogueiras, das que algunhas xa foron plantadas o sábado e outras fican para vindeiras ocasións.

Así mesmo, participaron representantes do Concello de Agolada, nomeadamente o seu alcalde, Luis Calvo Miguélez, que quixo coñecer de primeira man esta iniciativa promovida pola Fundación Eira e Adega. Bodegas Lodeiros colabora a través do seu Proxecto Camiño Natural.

A actividade desenvolveuse ao longo da mañá do sábado, coa participación de 17 persoas. Logo dunha pequena presentación da campaña O teixo: tempo ao tempo, os voluntarios colleron a ferramenta e foron plantando as árbores doadas polo Ibader e o CFEA na contorna do espacio ecocultural. En total, foron plantados corenta teixos, oito loureiros, cinco érbedos e tres nogueiras. A continuación fíxose un xantar ao aire libre na parte de atrás da Eira da Xoana, no que cada participante levou a súa comida. Nese momento, a adega colaboradora agasallou aos asistentes cunha saca de tea con información do proxecto que desenvolve esta empresa e con dúas mostras de vermú Lodeiros. Contra as catro da tarde, as persoas participantes despedíronse desta primeira acción da campaña, coa intención de poder facer outra en breve, se o tempo e a situación o permiten.

Pulsa para ver más contenido para ti