Tiña 40 anos cando decidiu reorientar o seu futuro laboral e se matriculou no Ciclo Medio de Soldadura e Calderería, no instituto Marco do Camballón. Carolina Cabaleiro, ademais de ser maior cós seus compañeiros de estudos, era a única muller desta especialidade. A petición dela, houbo que dispoñer un vestiario feminino no ciclo. Isto danos unha idea de por qué esta muller foi a merecedora do I Premio Juana López Elizagaray pola Igualdade. O certame leva o nome dunha muller que deu clase en Besexos e foi convocado polo instituto cruceño para conmemorar o 8-M, Día Internacional da Muller.

O centro indica que pón en marcha este premio para valorar o traballo en favor da igualdade da muller no eido local. Está claro que a primeira escollida, Carolina Cabaleiro, ten feito moito pola igualdade de xénero ao formarse nun sector tradicionalmente masculino. Agora, anima a futuras alumnas a aque se incorporen a este ciclo, posto que “entrarían nunha profesión apaixoante”.

Juana López naceu en 1869, e en 1900 é nomeada mestra sustituta en Vila de Cruces. Aos 21 anos, enviúva e ten que facerse cargo da botica familiar. Dende o ano 1933 exerce, como diciamos, de mestra na localidade de Besexos. No ano 37, e tralo golpe de Estado do verán anterior, é represaliada con suspensión de emprego e soldo. Falece en 1941.

O premio que acaba de crear o instituto non é a primeira iniciativa que activa este centro para poñer en valor o entorno do municipio. Hai uns meses promove o consumo do profesorado (que na súa meirande parte non reside no municipio) en tendas e negocios da localidade. Tén feito, ademais, diversos estudios sobre o patrimonio arqueolóxico.