Chorima, a nova asociación de Lalín en defensa do galego

A reivindicación do patrimonio lingüístico, cultural, político e histórico de Galicia é a meta coa que se pón en marcha a asociación cultural Chorima. Na actualidade, este colectivo está conformado por María Pol López, como presidenta; Iago López Villar (máis coñecido como Chispón), como vicepresidente; Tania Jiménez Canda como secretaria; Cristina Pereiro Jacobo como tesoureira e, nas dúas vogalías, Laura Fernández Carral e Lucía Galego Vázquez.

O colectivo ten un carácter aberto, polo que en breve convocará a súa primeira asemblea, tamén aberta, para que poidan participar todas as persoas de Lalín que estean comprometidas con Galiza e co galego. O que si xa ten data fixa é o seu primeiro evento: a proxección da película Reboiras. Acción e corazón, que dirixiu Alberte Mera. Precisamente, neste 2020 cúmprense 25 anos do seu asasinato. A proxección terá lugar o 7 de novembro no Salón Teatro de Lalín, a partir das 19.00 horas. Acudirá o seu director, xa que tralo pase haberá un coloquio co público.

A asociación sinala que coa súa posta en marcha “pretendemos sumarnos ao traballo de moitas outras que traballan en Galiza a nivel local e que fomentan o uso, a aprendizaxe e a descoberta de múltiples elementos”. Neste traballo inclúese tanto o ensino das distintas variedades do galego como o recoñecemento de artistas locais. “Non todos temos os mesmos coñecementos nin tampouco a mesma posibilidade de acceder a eles, polo que debemos compartir o que sabemos e fomentar o se bo uso”. De aí que a primeira actividade sexa un filme no que se reconstrue a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política, xa que a súa importancia a nivel sindical e político pode non ser coñecida por moita xente.

Ademais deste pase, o colectivo está traballando noutras actividades que poidan ser interxeracionais para poder fomentar o galego e a cultura. Chorima adianta que tamén contará con perfís en distintas redes sociais para contribuir a este activismo, “nas que intentaremos estar o máis activas posible, pois por todas é sabido que son uns dos medios que actualmente traspasan fronteiras”.