Un mantel de contos estréase en Lalín da man do narrador de historias orais Celso Sanmartín e o chef da Molinera, Diego López. A cita terá lugar o sábado 31 de outubro no vestíbulo do consistorio e haberá dúas quendas: Pola mañá, de 12:30 a 13:30 horas, e pola tarde, de 19:30 a 20:30 horas. O aforo será dunhas corenta persoas en cada unha das sesións e é preciso anotarse a través do correo electrónico unmanteldecontos.reserva@gmail.com. A iniciativa nace do fondo de proxectos culturais Xacobeo 21 da Consellería de Cultura e Educación.

Na xornada de onte, a edil de Cultura, Begoña Blanco, presentou a actividade acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o responsable da empresa que impulsa a actividade, Carlos Montilla, e o chef lalinense, Diego López. A concelleira resaltou a peculiaridade de estas sesións “que son una mestura de tradición oral e gastronomía, que non deixarán indiferente a ninguén”.

López comentou que na xornada mostrarán produtos gastronómicos importantes. “Un deles está vinculado coa caza, é coñecido por todos e é moi representativo, en canto ao peixe, tamén será un animal que ten moita importancia nalgúns lugares de Galicia”, explica. En canto ás historias, apunta que haberá un produto de horta, na que se contará “todo o proceso de recollida dunha persoa que tamén é coñecida por todos”. Ao final de cada unha das sesións, haberá unha degustación dos bocados que se van ir preparando, “será unha forma de levar un bo sabor de boca, pero o importante céntrase na historia e no proceso”, puntualiza.

O acto está pendente das restricións que se establezan, mais Montilla resalta “que as entidades que nos dedicamos a isto, anímanos ter oportunidades coma esta, xa que a cultura é segura; aínda que sexan proxectos pequenos coma este, conseguimos ir adaptándonos a nova situación”. Pola súa banda, Valentín García sinalou que “non se coñece un só brote nos eventos culturais, isto é unha mostra de que é segura”. Explica que este espectáculo tan “único” forma parte dos 400 proxectos que levan executados dentro do Fondo. “É un bo incentivo da cultura galega, que vai da man do turismo coa gastronomía, e que se xunta coa tradición da man de dúas persoas recoñecidas en Lalín, e tamén fora de aquí”, sinala García.