O Concello de Silleda formará parte, xunto coa Fundación Padroado Pedrón de Ouro, na organización da XLVI Edición do Premio de Narracións Curtas Modesto Rodríguez Figueiredo. Como é ben sabido este galardón de narrativa, o de máis anos en Galicia, ten carácter itinerante, de tal xeito que a convocatoria e a organización faise cada ano coa colaboración dun concello. Os dous anos anteriores foron os de Mazaricos e Santa Uxía de Ribeira. Desta volta, a organización corre a cargo do Concello de Silleda.

O Modesto R. Figueiredo foi presentado onte nas dependencias do Concello de Silleda polo secretario da Fundación Pedrón de Ouro, David Otero; o alcalde, Manuel Cuiña; e maila concelleira de Cultura, Mónica González Conde. Aínda que os detalles concretos se recollerán nas bases de próxima publicación, poden optar textos en lingua galega dun máximo de trinta páxinas. A dotación económica vén sendo de 1.000 euros, podendo concederse dous accésit de 240 euros.

Bases

En poucos días estarán a disposición dos creadores as bases do premio, nas que se establecerá como o 20 de novembro de 2020 como prazo máximo para presentar traballos. A este galardón concorren en cada convocatoria máis de sesenta orixinais, destacando que en boa parte as obras que son de autores novos. Mesmamente aos seus gañadores, segundo a crítica literaria galega, coñéceselles como "Xeración Pedrón".

O xurado estará composto por un representante do Concello de Silleda, un membro da Asociación de Escritores e de Escritoras en Lingua Galega, un membro do Pen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, a autora Estíbaliz Espinosa -gañadora da última edición-, o presidente do Pedrón de Ouro e o secretario da súa fundación, que exercerá como tal, con voz e sen voto. O premio fallarase, a poder ser, na segunda quincena de decembro de 2020 e entregarase en data e lugar que así o estime o Concello de Silleda. Cabe salientar que, segundo as bases, o gañador e os merecentes de accésit -se así o estima o xurado- deberán recoller en persoa os seus premios no acto de entrega.