Síguenos en redes sociales:

Outro xeito de aprender a táboa periódica

O instituto Laxeiro conmemora o Día da Ciencia en Galego con xogos e exposicións

Outro xeito de aprender a táboa periódica

Ordenadores que permiten simular o impacto de meteoritos, unha táboa periódica dos elementos químicos feita en cubos de cartulina ou unha molécula de ADN ensamblada a base de latas de refrescos ou botellas de agua recicladas. Era a decoración que lucía onte o salón de actos do instituto Laxeiro, de Lalín, para conmemorar o décimo Día da Ciencia en Galego.

Nesta edición os temas centrais son as linguas indíxenas e a citada táboa periódica, que foi creada hai 150 anos polo científico ruso Dmitri Mendeléiev. Se antano a única maneira de aprender os símbolos dos 118 elementos químicos era mediante a memorización, onte quedou claro que hai outros xeitos: cada cubo tiña ademais un pequeno debuxo coas súas aplicacións. Así, xunto ao fósforo aparece un misto, ou ao lado do xenon, o faro dun automóbil. Para quen prefira botar man do verbo e non tanto da imaxe, onte tamén podía reter a táboa periódica mediante xogos de palabras.

As actividades duraron toda a mañá ofrecían outros reclamos, como xogos de lóxica e xeometría ou unha exposición de robots. Ademais, como novidade este ano os docentes e estudantes de Mecatrónica e Electricidade convertéronse en anfitrións do resto da comunidade educativa, posto que esta puido visitar os seus talleres e ver, por exemplo, cómo funciona unha máquina con control numérico. A meta de todas estas propostas é que o alumnado poida darse conta da aplicación práctica de todas as disciplinas cientíicas e, de paso, axudalos a ir preparando a súa orientación de cara ao seu futuro profesional.

No Día da Ciencia en Galego colaboran todos os departamentos deste centro educativo, que ademais a finais de setembro protagonizou unha concentración contra o cambio climático. Nesa liña, onte tamén tivo lugar un obradoiro sobre os 3R (reducir, reciclar e reutilizar), imprescindibles dende fai décadas para frenar o impacto humano sobre o entorno medioambiental. E como a formación científica e a concienciación ambiental van continuar ao longo do curso, tamén se van conservar nas dependencias do Laxeiro tanto a táboa periódica (a idea é poder facer outra, pero en madeira) como a molécula de ADN.

Pulsa para ver más contenido para ti