Susana Sánchez Aríns quería rachar con ese silencio obrigado sobre a guerra. Non estaba disposta a que chegara ata a cuarta xeración. Defende que a escrita, a lectura e a conversa é o que queda para sandar as feridas que aínda están sen cicatrizar. Así naceu Seique, traducido ao español como Dicen e que acaba de ser recoñecido polo gremio de libreiros de Madrid como o mellor libro do ano no apartado de ficción. A obra permitiu a esta escritora estradense afondar nunha historia familiar e sacala á luz para aplicarlle o tratamento que ela defende: falar, falar e falar.

--A asociación de libreiros de Madrid acaba de premiar a súa obra Dicen, considerándoa como o mellor libro do ano no apartado de ficción. Como senta?

-Senta como uma sorpresa marabillosa. Tendo en conta a cantidade de obras de ficción publicadas en castelán ao ano, que teñan reparado na miña para min é inesperado. Estou afeita ás marxes e nunca pensei que a tradución fose a ter a visibilidade que conseguiu. Ao fin e ao cabo as miñas editoras, tanto a galega, Através, como a castelá, De Conatus, son entidades humildes nun mundo dominado polos emporios xerais, planetas e alfaguaras.

-A peza está centrada nunha historia familiar, coa temática da represión franquista como eixo. Como xorde?

-Na propria obra conto parte da xénese. Na casa sabiamos do tío Manuel como falanxista mais, atando fíos, eu comecei a sospeitar que era algo máis que un falanxista, que podía ter paticipado no peoriño da represión fascista cando o golpe do 36. Decidín investigalo. A idea inicial era publicar un estudo ou un ensaio, mais non dei con documentación suficiente e o libro foi crecendo como narrativa do que puido ter sido mais non podemos asegurar. De aí os títulos: Seique/Dicen.

-Por que o seu tío Manuel? Que imaxe tiña del e que lle deparou a investigación para escribir a obra?

-Eu sempre defendín, desde que teño sentido, o lema das defensoras da memoria histórica: verdade, xustiza, reparación. Que se saiba que aconteceu durante a represión, que se faga xustiza coas persoas agresoras e que se devolva, no mínimo, a dignidade ás vítimas. Sempre o defendín, e tiña na miña man colaborar, cando menos coa verdade: ofrecer ás vítimas o nome dun dos vitimarios, mesmo tocándome na familia. O tío Manuel non aparecía por ningures e tiña feito moito mal. Non me parecía xusto o seu anonimato.

-Cando un busca na casa, non sempre é doado atopar ou saír como se entrou. Cambiou algo coa escrita deste libro?

-Acho que na familia saimos gañando. Todas coñecemos mellor o noso pasado, todas entendemos mellor o sufrimento das vítimas "interiores": a miña avoa, o meu pai e as miñas tías, e todas podemos falar con naturalidade daqueles feitos. A escrita, a lectura, a conversa é o que nos queda para sandar as feridas da guerra, que continúan aí, sen acabar de cicatrizar. A sensación é esa, de cura.

-Cómo foi o proceso ata chegar a recoñecementos coma este? Canto tempo lle levou?

-O Dicen é a tradución do Seique, publicado pola Através Editora en 2015. Xa ten uns anos. A min levoume mais tempo pensalo e ruminalo que escribilo. Unha vez que dei coa maneira, coa forma de contar, foi rápido. En galego funcionou moi ben, e da mesma maneira que se está a mover en castelán: de boca a orella. Persoas que o len, recoméndano ou regálano. Está reimprimíndose e vendéndose desde a publicación. En castelán saiu xa a segunda edición. É dicir, o leitorado gostou del. Faltaba un recoñecemento institucional, que acabou por chegar

-Recibe o galardón na categoría de ficción. Canto hai de novelado na historia?

-Iso dixo miña nai: pero se non é ficción! Aínda que tamén teño amizades que din: pero se é poesía!! Os feitos narrados aconteceron na realidade. Iso pasou. O que tamén é certo é que o libro está moi traballado a nivel literario e, para que non me coñeza a min ou á miña familia, pode parecer ficción, porque como tal está narrado.

-Ten dito nalgunha ocasión que non quería chegar á cuarta xeración mantendo o silencio?

-Non quería, non. Hai especialistas a afirmaren que o trauma dun xenocidio, dunha guerra, alcanza a cuarta xeración se non é tratado. Aquí nunca foi tratado o trauma da guerra. Houbo un silencio obrigado que durou demasiadas décadas. E o único tratamento para o trauma é, como xa indiquei antes, falar, falar, falar.

-Como se acolleu a obra na súa casa?

-A miña familia directa moi ben. Eu non a tería publicado sen o permiso do meu pai, e el deuno. Tamén é verdade que os meus avós xa faleceron e igual non tería ousado publicar se estivesen vivos. Para a miña avoa era un tema do que non se podía falar. As parentes da miña xeración tamén o leron con degoro, moitas delas ignorantes do pasado familiar do tío Manuel. E familia del, non teño nin idea.

-En que traballo está agora inmersa?

-Pois andamos coas últimas revisións do que vai ser a segunda edición, ampliada, do Seique, é dicir, deste libro. Porque no tempo que pasou desde a publicación tiven acceso a novos documentos e versións que quería actualizar. E ando con outro proxecto de narrativa en marcha, mais como o levo un pouco atrasado e atrapallado, mellor non o conto.