A parroquia de Noceda celebrou un ano máis a tradicional Pascuilla de Lamas honrando a Virxe dos Remedios na capela que preside a ribeira do regato local. No cento de casetas que artillaron os romeiros na carballeira que rodea a capela déronse cita máis dun milleiro de devotos, os máis deles chegados dos seis concellos da comarca dezá.

A xornada comezou con dúas misas rezadas, unha en memoria de Manuel Soto Rozas, Manolito de Lamas, que décadas atrás traballou a prol da recuperación desta romaría tradicional que se daba por perdida, como lembra un monolito que se puxo en 2014 mesmo fronte a fachada da capela. Despois, a solemne oficiada polos curas da zona Xosé Criado, Elías G. Carmuega e Eliseo García e cantada pola coral de Prado. Logo saíu a procesión coa imaxe da Virxe dos Remedios e tamén a da Peregrina, devoción esta recente e poida que a única réplica en Galicia da que se venera na capital da provincia.

Rematados os actos relixiosos que incluiran nos días anteriores unha novena con moita asistencia de devotos, comezou a parte profana coa sesión vermú que amenizou a Charanga Os Verbeneiros. Pola noite sería relevada polos grupos Máster e Reflexos.

Os festeiros foron en aumento para o xantar campestre nos cubertos que familias, peñas de amigos, asociación parroquiais e empresas da hostalaría instalaron baixo os centenarios carballos para compartir e despachar viandas e bebidas converténdose a romaría nun verdadeiro Rocío de carballeira. Algúns mesmo puxeron amplificacións e música por conta propia, deixando os postos armados deica o 15 do presente mes, en que o mesmo recinto acubillará o festival Noceda Rock, que tamén ten os seus devotos.

A capela atópase a beira do regato de Santa Lucía, que nalgún tempo movía unha ducia de muíños deica desembocar no Deza. Temos noticia de que foi construída en 1737 a expensas da entón podente familia Mámoa de Lamas, que por moitas décadas foi encargada de organizar a romaría deica que no último terzo do século pasado deixou de facelo quedando a capela sumida no total abandono. Así as cousas, o tellado caeu enriba da nave e retablo apodrecía cando a visitamos a finais dos oitenta e mesmo os ladróns xa levaran entón algunhas pezas, coma unha imaxe pétrea da Virxe que presidía a ben labrada fachada barroca, que tivo que ser remprazada recentemente, e varias vellas imaxes, aproveitando o abandono e o illamento do lugar onde só pasaban algúns troiteiros na tempada de pesca.

Cando xa a ruína se apoderara da capela os veciños botaron man dela e coas súas aportacións de diñeiro, xornadas de traballo e achegas do Concello procederon a súa rehabilitación nos primeiros anos do presente século. O templo, dunha soa nave para a que inicialmente deixaran construídos dous arcos pensando nunha posible ampliación con dúas naves en cruz latina, ten unha ben labrada fachada barroca de cantería ao igual que os remates dos muros, sendo o resto de cachotería que en tempos estivo caleada. No interior gárdanse, a maiores da imaxe da Virxe dos Remedios á que está adicada a capela, a dos Milagres e a máis curiosa da Peregrina, que segundo contan os veciños é, a parte da que se venera en Pontevedra, única en toda a provincia. Tamén hai unha imaxe nova do Sagrado Corazón e outras máis antigas e de menor tamaño do San Pancracio e Santo Antonio.

A Virxe dos Remedios hónrase en Lamas dende alomenos os primeiros anos do século XVIII, na celebración da Pascuilla que ten lugar anualmente 50 días despois da Pascua. Na parroquia de Noceda, amais desta romaría, celébrase na igrexa parroquial a da Santa Cruz en maio e, anos atrás, o San Marcos en abril con bendición dos froitos e dos campos. A Virxe dos Remedios tamén ten capela e celebración na veciña parroquia de Rodís, preside un dos retablos da igrexa de Lalín de Arriba, onde ten festa anual e tamén en Sesto (Agolada) e Ponte (Silleda).

A Pena Milagreira

Moi preto da capela e a orelas do regato de Lamas, pouco arriba do muíño de Lamela, hai unha grande peneda de xisto que os veciños coñecen pola Pena da Virxe, e tamén Pena do asento da Virxe ou Pena Milagreira, á que atribúen propiedades sobrenaturais na curación da dor do lombo. Anos atrás eran moitos os que concorrían calquera día do ano, pero agora poucos se achegaban á peneda, case cuberta polo musgo e o mato, inédita nas publicacións e que ben merecía ser posta en valor. O ritual é semellante ao que ten lugar na Pena da Auga, en Escuadro (Silleda), onde aínda se mantén na actualidade. Testemuña de excepción é a do noso amigo Alfonso López Abollo, fundador do restaurante La Molinera de Lalín, quen hai vinte anos acudiu ao lugar guiado por Ernesto Failde, entón carniceiro na vila e nativo de Prado, buscando remedio á dor de costas que padecía. Seguindo as instrucións do acompañante, Alfonso refregou as costas contra a peneda ben concentrado nos rezos e dende entón, segundo conta, non volveu ter dor "de espalda". Un detido exame da peneda permite ollar dúas cavidades moi desgastadas polas refregas dos ofrecidos -unha para os adultos e outra para os cativos- e varias cazoletas feitas pola man do home, xunto a pías naturais que a auga do regato se encargou de labrar. Semella que este foi un lugar de culto pagán na antigüidade, cristianizado coa presenza da Virxe dos Remedios, en cuxa honra se erguería a capela que preside esta idílica paraxe de ribeira que río abaixo acubilla tamén outra adicada a Santa Lucía, moi venerada nestas terras de Deza.

[Na realización desta reportaxe contamos coa inestimable colaboración dos amigos Pablo Romeo Chorén, Alfonso da Molinera, Nicanor de Cercio, os irmáns Óscar e Marcos Fernández Pol e, unha vez máis, do reitor do Corpiño, Xosé Criado]