Esta fin de semana os veciños de Cristimil celebraron a súa tradicional festa do San Xurxo, o patrón da parroquia. Na xornada dominical, logo de dúas rezadas, houbo misa solemne e procesión coas imaxes do santo e da Virxe do Rosario e, ao remate, os ramistas puxeron á venda as varas bendicidas, que os devotos dende tempos remotos mercaban para afalarenlle ás vacas e agora serven para manter aos malos espíritos afastados das casas e tamén dos coches e tractores.

Os fieis levaron máis de 500 varas benditas e outras tantas estampas deixando a cambio unha esmola, que, xunto coas pezas de porco que trouxeron algúns para ofrecerllas ao santo, axudan a pagar a festa logo de seren adxudicadas en poxa antes do concerto que ofreceu a Banda de Música Vilatuxe. Houbo quen "pasou a vara" ao San Xurxo, ritual que vai a menos dende os anos setenta cando o cura, logo de que se pintara o santo e o retablo, prohibira refregar a vara á imaxe como viña sendo tradición.

Os tres entusiastas veciños que repetían como ramistas acordaron nesta ocasión levar a festa do campo de Mato a un novo recinto a pé da igrexa, nunha pradería onde instalaron a carpa, na que de véspera houbo unha cea popular de empanada, torresmos, churrasco e pan e viño en abundancia para rematar cunha verbena amenizada pola orquestra Foliada e o trío Máster.