A party galega XGN R Encounter pon en marcha hoxe a súa décimo oitava edición, e faino superándose tanto en número de inscritos como na cantidade e interese das actividades que ofrece este evento organizado pola Feira Internacional de Galicia Abanca co respaldo da Consellería de Política Social e a colaboración e patrocinio da empresa R.

Son preto de 900 inscritos, fronte aos 800 da pasada edición, os que toman parte do evento na súa zona Intranet, onde dispoñen dun posto para o seu equipo informático con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a gozar dun amplo programa de propostas e torneos exclusivos. Nos tres días desta cita tecnolóxica poderán aprender, intercambiar coñecementos, divertirse e navegar a unha velocidade de 10 Gbps. Á área coñecida como Extranet poderán acceder gratuitamente os inscritos e tamén os visitantes que se acheguen a Silleda. Espérase que 1.500 persoas pasen desde hoxe ata o domingo por esta zona da XGN R Encounter aberta ao público.

Durante o evento desenvólvense distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital nas súas tres vertentes, creación de imaxes dixitais, música dixital e programación. Tamén hai espazo para o hardware e non faltan as granxas de impresoras 3D, onde se impartirá formación. Ademais, haberá unha ducia de torneos de videoxogos. Tanto para os inscritos como para os visitantes hai moitas outras propostas, como rol en vivo, combates nerf, torneos de sumo e soft combat, concurso de cosplay, xogos de mesa,xadrez, billar, pistas deportivas, consolas, scape room ou un espazo de realidade virtual no que se poderán vivir tres experiencias diferentes. Tampoco faltan as conferencias.

Tamén haberá un espazo dedicado á robótica, os talleres crea R, onde os nenos poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos. Serán tres obradoiros para 60 nenos de entre 7 e 15 anos, divididos por idades.

Visita da conselleira

Por outra banda, a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, visita a party hoxe ao mediodía. O seu departamento contribúe con 50.000 euros á financiación do evento. Estará acompañada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez.