Síguenos en redes sociales:

In memoriam // DELVIA consuelo GONZÁLEZ otero (13-04-1927/14-06-2018)

A Cafetería Capri no Lalín de finais do XX

A Cafetería Capri no Lalín de finais do XX

Co gallo do pasamento de Delvia González -o pasado xoves, 14 de xuño, aos 91 anos-, que en tempos fora dona e rexentara a Cafetería Capri, familiares, amigos e veciños, ao tempo que sentían a súa perda, lembraban aquel célebre e concorrido establecemento no que a xuventude de Lalín do último cuarto do século XX tiña o seu punto de encontro e diversión. Era a época dourada das cafeterías, que viñan a dar relevo aos antigos cafés, nos que mandaban as partidas de naipes, o fume e o coñac como bebida máis solicitada e a presenza das mulleres era testemuñal e sempre amparada polas súas parellas. A principios dos sesenta inaugurábase a Cafetería Imperial na rúa da Ponte, ao retorno de Venezuela do emprendedor Pepe Brey, e deseguido foron abrindo outros establecementos: A Capri, A Granxa, Lord John, Civeyvi, Campos... máis ao gusto da xuventude e do público feminino de entón.

A Capri, curiosamente, ocupaba o local da que fora escola de rapaces de Manuel Rivero no número 22 da rúa adicada ao aviador Loriga, e a familia moraba o primeiro andar do edificio que entoaba con todos os da rúa que logo se iría estragando coa chegada da especulación urbanística dos setenta.

A señora "Delvía", que así lle chamabamos os máis novos que iamos á cafetería polo seu ambiente e bo trato que se nos dispensaba, non era nova na hostalaría, xa que anos antes estivera a fronte do Bar O Refugio, un pequeno negocio situado nos baixos do Café López, propiedade do seu pai Luis González, na rúa do Observatorio. Ambos establecementos hoteleiros abríraos co apoio do seu marido, Celso Blanco O Perkins, a quen sempre lembramos adicado ao transporte con camións propios e organizando as festas dos chóferes e as patronais daqueles anos sesenta e aínda nos setenta, creando a Banda de Música dos Veteranos, que había ser co tempo a Banda de Música Cultural de Lalín.

Volvendo á cafetería, cómpre dicir que a señora Delvia estaba axudada polos seus fillos Pili e Toño, que sintonizaban ben coa xuventude de entón, que era maioritaria entre a clientela do negocio. E, xunto aos da casa, traballaban de camareiros Suso da Dulceira nos primeiros tempos e logo Severino, un mozo tan competente no traballo coma exquisito no trato cos clientes, que remataría no restaurante La Molinera, sendo decote recoñecido coma un dos mellores profesionais do sector na capital de Deza.

A cafetería, dotada dunha decoración avanzada e moderna para aqueles tempos, contaba cun reservado frecuentado polas parellas de noivos de entón onde soaba case sen parar unha máquina tocadiscos de moedas na que se ían intercalando pezas do Dúo Dinámico, Nino Bravo, Georgie Dann, Manolo Escobar, Bee Gees, Juan Pardo ou Palito Ortega, e outros tan variados coma a propia clientela do local. Tamén dispoñía dunha terraza para o verán que se instalaba na beirarrúa disputándolle o espazo aos coches que daquela aparcaban ás dúas mans dunh estrada moi transitada.

Contra o que acontece en moitos negocios da hostalaría, a Cafetería Capri pechou en pleno éxito de público. A casa foi derrubada para construír un novo edificio vendido en andares e no baixo, repartido en dous, puxeron os da familia unha zapatería. Debeu ser a primeiros deste século. Van aló case vinte anos e ninguén esquece aquela concorrida e animada Cafetería Capri nin a súa atenta e sorrinte propietaria, Delvia González, que logo dunha vida plena e gozando do cariño e recoñecemento dos seus familiares e veciños ven de recibir [o pasado sábado] cristián sepultura e a quen adicamos esta apurada e sentida crónica.

[Por certo, seu pai, Luis González, recibira hai uns anos unha homenaxe pola Santa Marta, patrona da hostalaría, e para o ano ben poderían lembrala tamén a ela]

Pulsa para ver más contenido para ti