O gato con botas conta esta semana como convidado cun dos pintores galegos máis emblemáticos dos anos 80, Antón Lamazares. O artista amosaranos o seu lado máis íntimo da man de Manuel Manquiña mañá, xoves, ás 23.30 horas na Televisión de Galicia (TVG). A través do repaso pola súa infancia en Lalín, as súas primeiras lecturas, o paso polo convento franciscano de Herbón, os artistas que máis lle influíron na súa carreira, descubriremos a este artista de formación autodidacta enigmático e intrigante ao que lle apaixona a poesía e xogar ao futbolín.

Ao longo do programa Lamazares fará un percorrido ao longo da súa traxectoria profesional e persoal. Viaxaremos con el ata a súa infancia en Maceira (Lalín) e a súa mocidade para coñecer de primeira man como chegou a se converter nun dos pintores clave dentro da pintura contemporánea española. Ademais contaranos que o levou a viaxar a Madrid, Nova Iorque, París ou Berlín aglutinando una ampla repercusión internacional aínda que a pesar das súas estancias no estranxeiro se considere por riba de todo, un galego. No programa tamén intervén o deseñador e empresario lalinense Florentino Cacheda, como amigo e apaixoado da obra de Lamazares.

O gato con botas é o encargado de coñecer a vida detrás das cámaras dos nosos convidados. É curioso, preguntón, inquedo, ácido, retranqueiro, inconformista e intrépido. Científicos, actores, cociñeiros, músicos, xornalistas, empresarios... pasan un día enteiro co Gato con botas que irá máis alá de ser un mero entrevistador para se converter tamén nalgunha que outra ocasión en entrevistado polo propio convidado. Manuel Manquiña sempre vai a ir acompañado da súa inseparable libreta que está dividida en dúas partes: unha longa listaxe de invitados a que el recurre para buscar ese convidado que vai respostar ás súas inquedanzas e outra parte na que apuntará, ao final do programa, ás súas reflexións e aprendizaxe despois da entrevista. Para buscar complicidade coa audiencia (o gato é o noso "espía") Manuel Manquiña estará sempre interactuando coa cámara para contarnos segredos ou ensinarnos a súa reacción (ás veces só física) en determinados momentos. Moitas veces realizarao "ás costas" do convidado como un guiño desa complicidade que ten coa audiencia.