Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A destrución de petróglifos en Trabancas

A metade da estación rupestre Picurela, con gravados de máis de cinco mil anos, foi arrasada en tempos recentes - Está declarada Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta e Patrimonio Histórico Español polo Estado

Círculos en de Picurela Il. // D.G.A.

A estación rupestre de Picurela, xunto coas de Primadorna (Breixa-Silleda) e a das mámoas de A Cruz (Alperiz-Lalín), foron as primeiras descubertas na comarca de Deza. Acontecía isto a mediados dos anos cincuenta do pasado século cando os investigadores X. Martínez López e R. Sobrino Lorenzo-Ruza estudaron estes gravados que deron a coñecer nun traballo que, co título Petroglifos de la comarca de Lalín, recollían os Cuadernos de estudios gallegos (Tomo XII de 1957).

Nos tres casos sería o propio Martínez López, daquela profesor do recen creado Instituto Laboral de Lalín, quen localizaba os petróglifos recollendo informacións dos seus alumnos destas parroquias. Durante máis de cincuenta anos os petróglifos permaneceron esquecidos por todos, case ocultos no medio do mato que medrou na finca, deica o ano 2011, en que logo de numerosas pescudas e rastrexos pola zona demos con iles cando xa por desgraza un dos grupos fora arrasado. E na actualidade o outro corre perigro de seguir a mesma sorte se non se fai nada por evitalo. A estación rupestre recibiu o nome da finca na que se atopaban os petroglifos en dous cotarelos rochosos separados entre si uns cincuenta metros. Desde este privilexiado emprazamento óllase unha ampla superficie das terras de Agolada deica o Farelo e parte das de Lalín que pechan o Candán e O Carrio e as de Rodeiro aos pés da Serra do Faro.

Único en Galicia

O penedal arrasado sinalado coma Picurela I estaba situado máis ao sur e constituido por catro bloques de pedra de granito de grande tamaño soltos sobre o terreo formando un rectángulo de 20x12 metros. Segundo os investigadores referidos puido haber máis rochas con gravados neste emprazamento quizais destruídas anos atrás e a case totalidade foron movidas polos buscadores de tesouros en varias épocas. Un destes penedos graníticos de 2,15x1,50 m. concentraba a maior parte dos gravados desta estación sobresaíndo un petróglifo que os investigadores coidaban único en Galicia. Era unha pía esférica situada na parede vertical da rocha de 25 centímetros de diámetro por 20 cm. de fondo. Destes e doutros tres penedos con petróglifos ofrecemos aquí os debuxos publicados polos investigadores citados. As rochas que formaban este grupo de petróglifos (I) foron partidas en anacos para facer postes de pedra para os valados que agora pechan a finca. En catro destes postes próximos entre si poden verse a práctica totalidade dos gravados referidos.

Medidas de conservación

Mellor sorte polo de agora está a correr o grupo de petróglifos Picurela II, sesenta metros ao norte do destruído. Cando o visitamos unha boa parte del estaba cuberto por terra, pedras e purín e víanse claras sinais das cinzas dunha grande fogueira que ardeu entre os cinco penedos que a conforman aliñados nunha extensión de pouco máis de cinco metros de longo por entre un e tres metros de ancho, lixeiramente inclinado ao sur ao igual que o terreo circundante. Unha limpeza superficial permite ver unha decena de círculos, cinco ferraduras e ao carón dun cento de cazoletas e coviñas de diferentes tamaños dispostas algunhas delas en liña e concentradas principalmente na parte norte da rocha. Noutra das ilustracións que ofrecemos poden ollarse os máis de douscentos gravados que polo de agora se conservan en Picurela II e que cómpre protexer axeitadamente.

No entorno da estación rupestre atópase o castro local coñecido por Coto dos Mouros, dúas ducias de mámoas ou enterramentos antigos con numerosos achádegos arqueolóxicos que se gardan no Museo de Pontevedra.

Cómpre subliñar que o municipio de Agolada é, xunto co de Silleda, un dos máis ricos en arte rupestre da Galicia Central, con medio cento de estacións nas parroquias de Ventosa, Gurgueiro, Borraxeiros e Trabancas, todas elas en perigo pola actividade humana -canteiras, transformacións en praderías e arboredo, apertura e ampliación de pistas, incendios, vandalismo...-, sen que, polo que se ve, ninguén lle poña remedio.

Compartir el artículo

stats