A coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) de Deza e Tabeirós-Terra de Montes vai remitirlle un escrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística no que propón diversas medidas para fomentar a inclusión do galego no sistema educativo. A entidade quéixase de que este departamento da Consellería de Educación reduciu nos últimos anos nun 70% o orzamento que destina ás actividades dos ENDL. Ademais, ó retrasar os pagos ata o final de curso, estes equipos non poden organizar de xeito correcto as actividades coas que fomentar o uso do idioma.

Outra das trabas coas que se atopan os equipos de normalización é que "a administración non oferta cursos de formación nin ofrece novos recursos normalizadores". Ademais, ó aumentar a carga lectiva do profesorados, os docentes teñen serias dificultades para poner en marcha iniciativas que fomenten o uso do galego en igualdade de condicións que o español ou o inglés. Neste sentido, a coordinadora comarcal recalca que o decreto para o plurilingüismo "aniquilou por completo as posibilidades de intervención, expulsando o traballo normalizador fóra das horas lectivas", de maneira que o traballo dos ENDL, despois de 20 anos, "volveuse completamente marxinal".

Ante esta situación, solicita nun comunicado que se tomen medidas como unha análise das competencias orais en galego entre todo o alumnado; medidas para frear a desgaleguización acelerada no ensino; a retirada da enquisa do galego para Infantil -seguindo as pautas da sentenza contra dito decreto do TSXG-; e un plurilingüismo inclusivo, "non centrado soamente nunha promoción abafante do inglés", indica a coordinadora.

Por outra banda, o BNG da comarca do Deza convoca ós veciños desta comarca e de Tabeirós-Montes a acudir á manifestación que organiza a plataforma Queremos Galego o vindeiro domingo, día 8, en Santiago. A mobilización leva por lema Polas fillas dos nosos fillos, e sae ás 12.00 horas da Alameda. Anima, ademais, a asinar o manifesto desta iniciativa pola lingua.