Síguenos en redes sociales:

"O que buscaba con este libro era cambiar a miña forma de escribir e contar"

Esta é a segunda vez que este compostelán se presenta ao premio de novela estradense

"O que buscaba con este libro era cambiar a miña forma de escribir e contar"

Alberto Ramos convertiuse onte oficialmente no galardoado de 2014 do Premio de Novela Manuel García Barros, que cada ano outorga o Concello de A Estrada. Neste caso, este xornalista natural de Santiago de Compostela foi o que namorou ao xurado con Máscaras rotas para Sebastian Nell. É a cuarta novela que escribe o autor, de tan só 28 anos, que compaxina a sua afección de escritor co seu traballo como xornalista freelance.

-Que lle parece ser merecedor do Premio de Novela Manuel García Barros deste ano?

-Para min é un dos premios con maior peso e tradición en Galicia e significa un salto de traxectoria para seguir avanzando a nivel literario. Ademais, está vinculado á figura de García Barros e da editorial Galaxia, que é a que publica os libros? Calquera que vexa a lista de galardoados destos 26 anos diría que un premio desta categoría é máis que considerable.

-Era a primeira vez que se presentaba a este concurso?

-Non. Presenteime unha vez hai tempo pero non houbo sorte.

-Entón que foi o que puido cambiar agora para acadar o ansiado galardón nesta ocasión?

-O dos premios sempre ten unha carga de azar. Os xurados confórmanse e teñen uns gustos e uns criterios concretos de cada vez. Pero ademais de depender diso, eu, como autor, destacaría como clave a estrutura do libro. A forma de artellar os personaxes? Porque é unha obra que se estrutura en forma dunha longa entrevista, cun 90% de diálogo.

-Por que optou por mesturar o xénero da entrevista co da novela?

-Non é mesturar. A novela é novela e a entrevista é o envoltorio, como se dixeramos que é unha forma de narración dialogada, de darlle visibilidade e forma á historia.

-Esta é a súa cuarta novela escrita e, ao parecer son de estilos moi diferentes. Que é o que lle inspira para obter estas obras?

-Depende do momento e das circunstancias. A novela coa que me presentei ao premio Vicente Risco, no 2012, (Todos os días) baseábase nunha crónica que narraba a crise no xornalismo co reflexo da miña situación e do peche de Xornal de Galicia, onde eu traballaba e iso foi o que me inspirou daquela. Neste caso, non che sabería dicir? A min de sempre me gustaron os actores secundarios, e moitos deles saen neste libro, así que iso tamén é unha forma de inspiración. A base de velos en tantas películas creas un universo real cun personaxe incrustado pero ficticio.

-Que buscaba neste caso coa narración dunha historia formada no imaxinario?

-O que quería era facer un exercizo de estilo, un cambio á miña forma de escribir anterior. Falando destas cousas síntome un pouco estraño? (Risas) Estou máis acostumado a facer preguntas que a respondelas... O que quero dicir é que o que buscaba con este libro era mudar a forma de contar que tiña ata este momento. Darlle unha reviravolta a todo o que escribira até o de agora.

-Ese cambio veu con premio logo?

-(Risas) Non saíu mal o cambio, non?

Pulsa para ver más contenido para ti