A homenaxe de onte a Xesús Froiz, como dixo o presidente da asociación veciñal de Moneixas, Francisco Vilariño, era necesaria e tiña que terse feito hai xa moito tempo. Froiz pode ser un descoñecido na historia xenérica de Galicia, pero desde novo e ata o seu fusilamento en outubro de 1936 "foi consciente das desigualdades sociais, da severidade da xerarquía eclesiástica" da época e, tamén "da falta de amparo legal do idioma galego", como explicou onte o historiador Uxío Breogán Diéguez ós veciños congregados no campo da festa.

De aí que Froiz, igual que Ramón de Valenzuela desde A Bandeira, que Víctor Casa, que Alexandre Bóveda (quen, por certo, naceu no mesmo ano que Froiz, en 1903), que Castelao... participase de maneira moi activa no galeguismo daqueles primeiros anos 30. Integrouse no Partido Galeguista e "fixo todo o posible" para que representantes dos concellos da zona acudisen á asamblea de municipios de Galicia entre o 17 e decembro de 1932, no que se aprobou de maneira rotunda o primeiro texto do Estatuto de Autonomía ou, como lembrou onte Diéguez, "o si rotundo ás liberdades de Galicia".

O repaso da figura histórica de Froiz que ofreceu este profesor acompañouse dun díptico no que se lembra o apoio deste veciño ó grupo Os Dezas, o seu encarceramento o 4 de agosto do 36 e o seu 'paseo', o 9 de outubro, ata Ponte do Regueiro, na Estrada, onde sería asasinado e enterrado xunto a outros cinco defensores da República.

Con Xesús Froiz morreron os seus dous pseudónimos literarios (fora tamén xornalista), Recaredo e El cantor del bosque. Pero quedaba a súa viúva e catro nenos de entre seis meses e nove anos. O seu único fillo varón, Fernando, acudiu onte á homenaxe e nun moi emotivo discurso agradeceulle ós veciños de Moneixas cómo, naqueles tempos da postguerra "as señoras maiores invitábanme a comer unha miga de bola, e ó millor era o único que comía en todo o día". Fernando axudou a plantar o carballo, sinónimo das raíces do galeguismo que conseguiron prender, pese á Guerra Civil e á longa noite de pedra posterior. Tamén foi quen descubriu a placa coa foto de seu pai que preside agora o local social da parroquia.