Síguenos en redes sociales:

"Levo tres poemas ao Festival do Condado, e o segundo é unha reflexión sobre a desobediencia"

-Que ten preparado para o festival de poesía do Condado?

-Eles propuxéronme para esta XXVII edición o tema da desobediencia, e a min pareceume un tema curioso para a reflexión. Fixen tres poemas: no primeiro recollín frases colocadas no minuteiro dunha película de Quentin Tarantino, que se chama Jackie Brown. O segundo é un poema reflexivo sobre o tema da desobediencia. Eu entendín que teñen máis peso na obediencia e na desobediencia os adxectivos e os adverbios que o substantivo: non é o mesmo dicir obediencia que dicir obediencia cega. É un tema sumamente complexo, eu entendo que pola tradición do Festival de Poesía do Condado intentan facer algo revolucionario, unha poesía que sexa como labazadas á sociedade. Pero a min interésame máis a parte da reflexión. - o terceiro poema é un no que recollo unha contestación que miña avoa lle deu en Buenos Aires á súa ama cando esta lle pediu que se vestise de criada, e ela non aceptou con 15 ou 16 anos que tería daquela. Para min foi sempre un exemplo de valentía: emigrante, analfabeta e a expensas de perder un traballo. Eran demasiados condicionantes como para ter unha contestación non obediente.

-Son malos tempos para a lírica? Pode a poesía callar nesta sociedade?

-Son tempos raros, imaxino que é coma no teatro, que sempre se di que está en crise. Non sei se a poesía está en crise, o que si é certo é que a xente que vive na poesía vive nun círculo bastante pechado. Se iso se pode cambiar, non o sei, a educación regrada tentouno, pero non sei que pasa. A min interésame e penso que lle interesaría a calquera: a poesía fai xente máis sensible, máis intelixente, penso que é un alimento moi bo. - nunca tantas posibilidades houbo de chegar coa poesía onde che dea a gana, con todo isto de internet e das redes sociais. Penso que hai que traballala seriamente, e ler poesía, e estar no mundo.

Pulsa para ver más contenido para ti