Síguenos en redes sociales:

Honra "aos ollos máis fermosos do BNG"

Cargos do Bloque, militantes, parentes e amigos participan na homenaxe á exconcelleira lalinense Chus Iglesias Rodríguez polo décimo cabodano do seu pasamento

Honra "aos ollos máis fermosos do BNG"

A herba cortada que comeza a agromar e a música tradicional recibiron aos numerosos amigos, familiares e compañeiros de viaxe política e vital da lalinense Chus Iglesias Rodríguez, homenaxeada onte polo décimo cabodano do seu pasamento.

O seu compañeiro e actual portavoz municipal do BNG, Xesús Cordeiro, foi o encargado de coordenar un acto que comezou coa plantación dun camelio de flor vermella nun espazo cerca do Paseo do Pontiñas. O exconcelleiro do Bloque Amado López, grazas ao que Cordeiro coñeceu a Chus en Lugo, asentou o arbusto antes de que a amiga e exedil Susana Rodríguez Cambón lembrara á homenaxeada polo seu compromiso coa terra e a defensa dos intereses dos traballadores, cando a CIG puxo en marcha unha oficina. "Hai quen dixo que Chus tiña os ollos máis bonitos do benegá", dixo, antes de ler unha composición adaptada da elaborada por Xosé de Cora polo pasamento de Uxío Novoneira. Luchi, un dos irmáns de Chus, foi o que fixo a intervención, se cadra, máis sentida ao lembrar a súa perda para a familia e logo recitar uns poemas, autoría da homenaxeada: "Loitamos"e outro sen título, de 1980 no que a que foi concelleira do BNG en Lalín entre decembro de 1998 e maio de 2003 interpretaba a realidade galega desde o seu punto de vista máis íntimo.

Logo de que os gaiteiros Pau de Buxo de Saídres (Silleda) tocaran o Himno do Antigo Reino de Galicia e dúas pezas tradicionais, Cordeiro retomou a palabra para dicir aos presentes que Chus era castelán falante, aínda que xa, daquela, "pensaba en galego" e citou o seu compromiso coa súa xente máis próxima e o conxunto da cidadanía na condición de representante pública, tanto na Confederación Intersindical Galega coma na corporación, na súa cadeira de concelleira durante cinco anos. A nena Helena Santalla Fernández, de 10 anos de idade, fixo soar as cordas dun violín con dúas pezas do musical "Sorrios e Bágoas"; unha interpretación seguida por membros do BNG de Lalín como Francisco Vilariño, José Luis Sucasas, Fernando Pereira, Rafael Iglesias ou o exportavoz Xoán Carlos Vizoso. Tamén se desplazaron ata Lalín para lembrar a Chus a responsable comarcal da formación nacionalista, Raquel López; o concelleiro silledense, Matías Rodríguez, a súa compañeira na corporación de Dozón, Mar Vila, ou o que foi concelleiro en Vila de Cruces Antón Pavón.

O deputado Bieito Lobeira dixo que a mellor forma de lembrar a Iglesias era seguir co traballo e coa loita feita por ela "nunha terra de caciques, que deixou o Paleolítico inferior en 1970 e que logo das grandes obras, está no Neolítico superior". Antes dun convite non céntrico establecemento, os presentes despediron o acto, que non á homenaxeada, cantando o Himno Galego.

Pulsa para ver más contenido para ti