Lois Docampo / A ESTRADA

A lingua galega ofreceu onte a súa particular homenaxe aos seus seguidores, aqueles que máis a agariman, que lle ofrecen o seu apoio e que xamais se esquecen da importancia e do poder das verbas. No Día das Letras Galegas, as asociacións estradenses realizaron o seu particular culto coa entrega de varios galardóns e homenaxes literarios, premios que sirven para loubar o traballo a prol da lingua de moitas máis persoas das que acariñan o premio.

Entre os actos que tiveron lugar no día de onte cabe destacar a entrega do premio de poesía Avelina Valladares, que nesta edición recaeu en Berta Dávila Fernández e a súa obra "A auga toda do teu corpo". O acto, celebrado nos xardíns municipais, contou coa presencia dos escritores Xosé Luna e Valentín García, e do alcalde da Estrada, José Antonio Dono. Luna recordou no seu discurso o "vitalismo do pobo da Estrada e o seu amor pola lingua". Pola súa parte, Dono calificou á poetisa premiada como unha xoven promesa das letras galegas. O poema de amor e ausencia de Dávila será publicado e a súa autora recibiu un premio en metálico de 2.000 euros. No acto realizouse unha ofrenda floral a Marcial Valladares e escoitouse o himno de Galiza, que foi interpretado pola banda de Gaitas de Barbude.

Outro dos actos que tivo lugar onte con motivo do Día das Letras Galegas foi a homenaxe que o mundo da cultura estradense e galega ofreceu ao escritor local David Otero. Con tal motivo celebrouse una cea no Recreo Cultural á que acudiron numerosos amigos do profesor.

Pola súa parte, a asociación Ken Keirades entregou os seus premios do certame de relatos. Jorge Rodríguez, en maiores de 18 anos, e Antía Expósito, en menores de 13 foron os gañadores. A categoría de 13 a 18 quedou deserta. Por último, A Fervenza organizou a III Ruta das Letras, un roteiro polo castro de arcos e os camiños de lobos.