SELECCIÓN GALEGA DE FÚTBOL

Aspas e Lucas Pérez liderarán a Irmandiña ante Panamá

O mesmo día do partido tamén abrirán os despachos de billetes do Estadio Municipal Abanca Balaídos.

Aspas e Lucas Pérez, no último partido da Irmandiña, en 2016 en Riazor.

Aspas e Lucas Pérez, no último partido da Irmandiña, en 2016 en Riazor.

Xa son oficiais os nomes dos futbolistas convocados polo seleccionador galego absoluto Diego Martínez para o Galicia-Panamá do próximo venres 31 de maio (20 horas, en directo pola TVG) no Estadio Municipal Abanca Balaídos. A Irmandiña regresa oito anos despois ao terreo de xogo tras o último compromiso amigable dos nosos ante Venezuela. Unha prelista da que formaban parte máis de 50 futbolistas galegos se foi vendo reducida debido a lesións e compromisos profesionais dos xogadores cos seus clubes de orixe.

A Irmandiña absoluta arrincará o xoves de forma oficial a concentración en territorio olívico. O cuartel xeral de Galicia será o hotel Attica 21 Vigo. Xa pola tarde, o elenco preparado por Diego Martínez exercitarase no escenario do encontro, o Estadio Municipal Abanca Balaídos, a partir das 19:30 horas na previa ao encontro. A venda de entradas continúa en marcha e avanza a bo ritmo. Cómpre salientar que o mesmo día do partido tamén abrirán os despachos de billetes do coliseo.

Os convocados por Diego Martínez.

Os convocados por Diego Martínez. / Federación Galega

Venda de merchandising oficial do Galicia-Panamá

Desde a RFGF están atafegados pola acollida que tivo a venda dos produtos deseñados para a ocasión como a camiseta e bufanda conmemorativas do encontro. Así, a camiseta conmemorativa esgotouse poucas horas despois de poñerse á venda.

A RFGF quere anunciar que desde hoxe poñeranse á venda máis unidades da devandita peza conmemorativa. Ademais, e dada a alta demanda de venda da camiseta oficial de xogo Adidas, a Federación, e ante a imposibilidade por parte da marca de fornecer en tempo máis unidades, decidiu poñer á venda unha réplica da camiseta oficial de xogo a un prezo reducido de 25 euros.