A selección galega volve case 3.000 días despois

A Federación Galega anunciará nos vindeiros días o nome do seleccionador e o estadio, que apunta a Balaídos

Esta sería a nosa Irmandiña pero, cal sería o teu once?

Aspas e Lucas Pérez, no último partido da Irmandiña, en Riazor.

FDV

A Real Federación Galega de Fútbol ten pechado un partido de carácter internacional no que será o regreso da selección galega absoluta. Será o 31 de maio (venres) e o rival será a selección de Panamá. Unha vez pechado o encontro, a RFGF está a traballar no escenario para a celebración do mesmo e tamén está previsto que nos vindeiros días poida anunciar o nome do novo seleccionador galego absoluto, que sucederá á dupla formada por Míchel Salgado e Fran González.

No tocante ó estadio, Balaídos parte como favorito. A Liga en Primeira División xa terá rematado esa data. Pero non Segunda División e tampouco Primera RFEF no caso dos xogadores galegos envoltos nas promocións. A Federación Galega anticipa que quere que lideren o combinado Iago Aspas e Lucas Pérez.

A selección de Panamá, pola súa banda, vai disputar o clasificatorio para o Mundial de 2026, que se celebrará en EEUU, México e Canadá. Recentemente foi semifinalista da Liga das Nacións da Concacaf, perdendo en semifinais con México.O seu seleccionador é o exfutbolista do FC Barcelona Thomas Christiansen. Español de orixe danés, tamén foi internacional con España e militou en equipos como o Real Sporting de Gijón, CA Osasuna, Real Oviedo, Racing de Santander ou Villarreal CF.

O Galicia-Venezuela, última lembranza

Venezuela fora o adversario e o partido rematara con empate, 1-1. Máis de 18.000 seareiros gozaran con aquel partidazo. Uruguai en 2005, Ecuador en 2006, Camerún en 2007 e Irán en 2008 foron os partidos da Irmandiña antes do encontro con Venezuela.

O presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, amósase especialmente satisfeito. “Hai que ter en conta que é extraordinariamente complicado conseguir un partido deste nivel. Son moitos obstáculos os que hai que superar e agora, cun gran esforzo por parte da Federación, danse as circunstancias para que poidamos levar a cabo este soño”. Louzán confía en “vivir un día grande do fútbol galego no que os nosos mellores futbolistas estean respaldados por milleiros de afeccionados, no campo e tamén a través da televisión. Ogallá disfrutemos dunha gran festa do noso fútbol".

Aspas: "Levabamos moito tempo sen xuntarnos"

O xogador do Celta de Vigo, Iago Aspas, mostrouse ilusionado co retorno da selección galega ao céspede. Nunhas declaracións recollidas pola TVG, o dianteiro de Moaña asegurou ter "moitas ganas". "Levábamos moito tempo sen xuntarnos. É un partido especial para todos e para toda a comunidade", celebrou.

Ademais, Aspas confesou que lle pediron que intercedese con algún compañeiro para asegurar a súa presenza no amigábel. "Podemos ter un gran equipo, ao nivel de moitas seleccións top", concluíu.