En 2013 unha nena de 10 anos entrou chea de nervios en A Madroa porque estaba a piques de comezar o adestramento do Celta. Chovía, e moito, e facía moito frío, pero con 10 anos xa tiña memorizada a definición de afouteza e non pensaba moverse de alí ata coñecer aos xogadores que tantas veces vira na televisión: Sergio, Hugo, Cabral, Jonny, Oubiña, Nolito… Esa foi a primeira de moitas veces na Madroa, e non moitos meses despois chegou a primeira visita a Balaídos.

Esa nena de 10 anos, que apenas sabía ir a mercar o pan ela soa, aprendeu rapidamente o camiño de Vilagarcía a Balaídos e intentaba convencer a calquera amigo ou familiar disposto para ir ver o Celta no estadio, porque non se ve igual que na casa. Nunha familia de culés e madridistas, para ela a única resposta posible á manida pregunta de “Prefires Madrid ou Barça?” era “Celta”.

Nunha familia de culés e madridistas, para ela a única resposta posible á manida pregunta de “Prefires Madrid ou Barça?” era “Celta"

Sempre Celta. Non entendía aínda por que, pero xa sabía que en ningún sitio se sentía como en Balaídos e que o mellor da semana eran os 90 minutos de fútbol celeste. Oito anos despois, esa nena entrou coa mesma ilusión en A Sede, onde recibiu a mellor recompensa imaxinable a un curso moi duro. Cando estaba estudando para ás ABAU e pensaba que xa non podía máis, o único que pensaba era que ao final o esforzo valería a pena. Valería a pena porque podería descansar, ler, pasar tempo cos amigos e a familia… Nin nos meus mellores soños podía imaxinar que acabaría falando con Carlos Mouriño cunha bolsa chea de agasallos.

A Lucía de 10 anos non sabía por que apoiaba ao que todos dicían que era un club pequeno. Con 18 teno moi claro: o Real Club Celta non é un club pequeno. Un club pequeno non tería ese detalle cunha afeccionada.

Por esas cousas e por moitas máis, o Real Club Celta é un club moi grande e, como xa dixeron eles mesmos hai uns anos na campaña de abonados, #HaiMotivos. Non me cansarei nunca de agradecer a todos os traballadores do Celta por axudarme a cumprir un soño e revivir a esa nena de 10 anos que se fixo do Celta sen saber o que lle esperaba. Que alguén me explique como se pode non ser do Real Club Celta de Vigo.

*Lucía Chazo es una apasionada del Celta y obtuvo la mejor nota de la Selectividad 2021 en toda Galicia: 13,96. Sacó un 10 en todos los exámenes salvo en Filosofía e Inglés, en las que obtuvo un 9,5.