O debut de Fillas de Cassandra gaña o premio á mellor música galega do ano

O público da gala aRi[t]mar certificou o recoñecemento ao dúo pola canción ‘II.Lisístrata (varre vasoira)’ | O certame bateu a súa marca de participación con máis de 6.500 votos

As viguesas María Pérez e Sara Faro forman o dúo musical Fillas de Cassandra. |   // INSTAGRAM

As viguesas María Pérez e Sara Faro forman o dúo musical Fillas de Cassandra. | // INSTAGRAM / i.l.m.

i.l.m.

O dúo vigués Fillas de Cassandra e a súa canción II. Lisístrata (varre vasoira) resultou gañador do VIII premio aRi[t]mar á Mellor Música do Ano en Galicia en 2022. O tema forma parte do seu disco de debut Acrópole, que sae á venda mañá.

A organización do certame apuntou que a canción de Fillas de Cassandra, grupo composto por María Pérez e Sara Faro, dá conta de que a escena musical galega “segue a innovar e triunfar sen necesidade de abandonar a tradición cultural, reformulando a mensaxe feminista a través dun espazo no que a Grecia Clásica convive coa música electrónica”.

O dúo vigués estrea este venres o seu primeiro traballo discográfico, Acrópole, no que se integra a canción premiada. Trátase dun álbum conceptual co que as súas creadoras viaxan por textos clásicos que reinterpretan para pór en relación ás heroínas da mitoloxía grega co mundo actual, proxectando unha mirada feminista e contemporánea a través da súa música.

Pérez e Faro son as creadoras e protagonistas dunha proposta marcada por unha potente sonoridade que toma como referencia o mito de Cassandra, muller mitolóxica a quen se lle negou a voz.

Pola súa banda, o tema elixido como Mellor Música de 2022 en Portugal é Maçãzinha, unha obra da agrupación portuense Retimbrar, en colaboración coa cantante mosense Uxía Senlle. A canción é unha mestura de sons folk, populares e doutras orixes con presenza da percusión tradicional lusa.

Outras artistas que acadaron o podio nos premios aRi[t]mar foron, na Galiza, SÉS, quen xa recibira o galardón na edición de 2017, polo tema Para cando eu morra. E mais a dupla de Xoel López con Baiuca, recoñecidos pola canción Paxaro do Demo. En Portugal, o segundo e terceiro clasificados foron A Garota Não co seu tema Dilúvio, e Miguel Araújo, que optaba ao premio pola súa Dança de um dia normal.

Compás da música galega

Segundo trasladou a organización do certame nun comunicado, aRi[t]mar bateu nesta edición a súa marca de participación cun total de 6.792 votos recibidos, o que supón case un 30% de incremento con respecto á edición anterior. Deste xeito, o premio desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago e a Rede da GaliLusofonía “reafirma a súa validez como compás da escena musical galega, como xa se amosou a ter recalado nas mans que eran emerxentes cando o recolleron e que hoxe están totalmente consolidadas, como Tanxugueiras”, lembra aRi[t]mar.