"O primeiro autocinema da historia de Galicia", como di Ignacio Vilar, organizouse onte á noite en Verín (Ourense) para amosar o novo filme deste director galego, "María Solinha". "Montámolo para 200 coches, pantalla de seis metros; o son escóitase na radio cunha frecuencia FM que tivemos que mercar. Este formato xa o temos pechado para Trives, A Rúa, Toén, Foz, Valdoviño... A miña idea é chegar a 50 autocinemas, sempre en capital de comarca. Vai ser toda unha experiencia", engade o realizador.

Vilar fala contento. A película foi estreada en Redondela o pasado venres; proxectada o sábado en Cangas, con bo retorno de críticas dos espectadores que "entenderon a mensaxe". Esta -rodada en galego como os filmes anteriores do realizador, "Pradolongo", "Vilamor", "A esmorga", "Sicixia"- viaxará, en breve a "un dos grandes festivais italianos, na sección oficial", só queda o anuncio oficial por parte do certame, adiante Vilar.

Mentras, en Galicia, o filme prosegue as súas proxeccións ó aire libre por sorte ou por desgraza por culpa do coronavirus. Cando se iniciou o confinamento, a película xa estaba rematada. "Tiñamos -lembra o realizador galego- todo preparado para a promoción en Galicia, Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Bilbao... para facer unha gran campaña e, de súpeto, interrumpiuse o proceso. Aí, foi onde xurdiu a nova idea. Se non podemos estrear nos cinemas, pois imos a tódolos concellos de Galicia".

A día de hoxe, xa teñen pechadas as proxeccións en máis dun cento de concellos inda que agardan chegar ós 200. "A ledicia máis grande é que temos pechados catro municipios en Zamora, onde falan galego, e no norte de Portugal", engade Vilar.

A única sombra, de momento, atópase nas salas comerciais. "Non imos estrea-la película en ningunha cidade que teña cinema comercial. Non queremos ata que abran os cinemas ó 100 por cento. Tal e como vai a situación as salas non volverán á normalidade, polo menos, ata dentro dun ano. Así que María Solinha espera e mentras percorremos toda Galicia", afirma.

Pero, que historia conta "María Solinha"? O director sitúa o espectador ante unha compañía de teatro que busca representar en Cangas a historia desta muller torturada pola Santa Inquisición acusada de bruxa, inda que detrás do martirio había outras causas. As actrices e actores escollidos por Vilar dan vida a personaxes do século XVII relacionados con ese episodio pero tamén a persoas do XXI cuxas problemáticas unen pasado e presente como se nada mudara en catro séculos.

O xermolo do filme hai que buscalo "na opresión que viviu a muller nos últimos anos, con moitos xuíces sen condear esa violencia. Eu fago cinema e é miña maneira de aportar algo para ver se matamos ese dragón", aclara o director.

"O dragón da Festa da Coca de Redonela (que aparece na película) secuestraba mulleres e as levaba á cova para violalas e denigralas. Por desgraza, segue vivo", reflexiona. Ese lugar onde se presentou o filme en Redondela o pasado venres, explica Vilar, "era onde ía o dragón secuestra-las mozas hai séculos porque ata aí chegaba a ría de Vigo. Se nos fixamos atentamente, pode seguir o dragón con outro aspecto do século XXI".

O director advirte que pensa no espectador "coma un ser creativo, non pasivo, para participar na creación da historia. Hai un momento, feito a propósito no que o espectador se mete nunhas regras de xogo e despois chega un momento no que te decatas se estás en ficción, se é realidade; se é século XXI ou se é século XVII. A proposta é perderse para volver atoparse".

A protagonista é Grial Montes que, con 22 anos fai a súa primeira película aínda que non rematou os estudos na ESAD. "Dá forza e fraxilidade representando a María Solinha e a Navia (o personaxe do século XXI) que transita por un arco de emocións para ó final adoptar o propósito de ser unha muller libre", resalta o director. Xunto a ela, Laura Míguez representa tamén dous personaxes, Adela Malvida e Elba, aportando seguridade e sabeidoría. Tamén no elenco, atópanse Santi Prego, Mabel Rivera, Morris e Mela Casal.