21 de junio de 2019
21.06.2019

María Soliña dá o salto ao cinema

Ignacio Vilar dirixirá a película, que conta entre o seu elenco con Grial Montes, Santi Prego e Antón Durán "Morris" e se rodará en Pontevedra

21.06.2019 | 02:14
O director e os actores da película xunto aos representantes da produtora e a Deputación. // Rafa Vázquez

A historia de María Soliña, unha canguesa do século XVII, será levada á gran pantalla polo director galego Ignacio Vilar, que contará para esta nova película con actores da talla de Antonio Durán "Morris", que interpretará o papel do inquisidor, ou de Santi Prego, que dará vida ao marido de María Soliña. A actriz novel Grial Montes, que se estrea no cine, será quen se poña na pel dunha muller que loitou ata o extremo polos seus dereitos pero que non foi quen de poñer fin ao maltrato que sufríu por parte dunha sociedade xerarquizada e machista dominada pola Inquisición.

A cinta rodarase entre o 19 de agosto e o 20 de setembro en diferentes paraxes da provincia de Pontevedra, entre Cangas, Redondela e a Illa de Toralla.

Son preto de 30 personaxes que se moverán entre o século XVII, no que discurríu a maioría da vida de Soliña, o o actual, onde a historia se repite "porque María Soliña no século XVII e no século XXI foi atacada polo dragón", en palabras de Ignacio Vilar.

"Ese dragón vai cambiando de aspecto, agora parece que disimula ben, pero vémolo presente en certas opcións políticas", engadíu.

A película levará por título "María Solinha" e conta co apoio da Deputación, motivo polo que onte foi presentada no pazo provincial.

"Esta película vai marcar a historia do cine en Galicia", considerou a presidenta, Carmela Silva.

"Vai falar de María Soliña, nin máis nin menos. Unha desas mulleres ocultadas, silenciadas. Un bo exemplo do que nós temos padecido ao longo da historia. A persecución por querer ser libres, dirixir e tomar decisións sobre o noso patrimonio, por ser sabias, por querer ocupar o espazo que nos corresponde", dixo.

"Paréceme que recuperar esa figura, facelo a través do cine, que é a fábrica dos soños, é unha idea marabillosa que vai dar moito que falar", sinalou.

Así mesmo, salientou a importancia de apoiar o cine en galego. "Co apoio a estas iniciativas promovemos que a xente da provincia que se dedica ao cine teña a posibilidade de facelo e facelo aquí. É unha forma de espallar todo ese talento que temos".

A protagonista é unha estudante de Arte Dramático de 22 anos, Grial Montes, que foi escollida entre 600 aspirantes ao papel principal da película.

A actriz quixo facer un alegado de reivindicación para que as mulleres tomen as súas propias decisións e aproveitou para dignificar a profesión da interpretación.

Pola súa banda, Antonio Durán "Morris" mostrouse feliz de poder presentar a cinta en Pontevedra. "É a primeira vez en 39 anos que levo nisto que vou participar nunha rodaxe que se vai realizar integramente na provincia", celebrou.

Ignacio Vilar non quixo desvelera demasiado da trama de "María Solinha", pero si avanzou que se inspira, entre outras cousas, na lenda que inspira a Festa da Coca de Redondela, que di que un dragón secuestraba mulleres para abusar sexualmente delas na súa cova na Illa de San Simón.

"Foi escoitando á xente de Cangas e de Redondela como xurdíu esta historia. Ao final temos que ser como escribáns para certificar", concluíu.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


FaroEduca