Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miguel García "Garchu": "Sorpréndenos ter máis críticas na nosa trincheira ca na oposta"

Asegura que cantan "para defende-la cultura e emprega-la música como ferramenta. Non é polo ego, senón pola loita política da nosa militancia"

Ezetaerre chegan ó venres a Vigo á Sala Master con Dakidarría.// Víctor

Ezetaerre é un dos grupos galegos actuais co flow máis reivindicativo. Demostrárono co primeiro disco e co segundo, "Pólvora e tormenta", onde -en galego, catalán e vasco- deixan claro a Trump e ós seus fans deste lado que non teñen medo á pólvora. Este venres, na Sala Master de Vigo, soben ó escenario Garchu, O Pirola e Petrowski para demostralo con Dakidarría. As entradas están esgotadas, pero Garchu fáino-la boca auga.

-Que argallan con Dakidarría?

-Tiñamos ganas de voltar a Vigo e á sala Master. Con Dakidarría estamos moi cómodos e a idea é facer esa combinación no escenario porque pegamos moi ben.Estamos mirando porque gustarianos que cantara connosco High Paw aproveitando que estamos en Vigo, pero por sorte para ela anda a tocar moito polo Estado e non sei se coincidiremos.

- Tocarán o último single, "A insurxencia por vivir"?

-Si; nada máis saír, xa a tocamos nun bolo en Euskal Herria. É un tema que lle gusta ó público en directo, é algo electrónico e peta moito no peito.

- Que hai detrás deste tema?

-O tema segue a traxectoria dos nosos discos. Empezamos hai catro anos sacando unha maqueta xeral pero despois fómonos centrando, fixándonos nas cousas que tiñan que ser mudadas de xeito rápido. Comezamos no EP facendo un repaso histórico vinculado co presente aproveitando a Revolución Bolchevique. "Pólvora e tormenta" está máis vencellado con EEUU e os anos 30 pero conectado co tempo actual; e "Insurxencia por vivir" segue na senda. Tódolos pasos históricos que se deron materialízanse no presente. Non é máis ca un momento de acumulación de folgos da historia do movemento obreiro e ó final esa insurrección está incipiente pero tarde ou cedo agromará. Esa é a idea do tema. Estamos nun momento de repliegue para coller forzas entre todas.

- Pero, detrás, non hai un chiscar de ollos ó conflito en Cataluña?

-Si, e tamén estaba o tema de Chile, Ecuador, Líbano... queremos que a xente entenda que son cousas que pasan arredor do mundo. Queremos dá-lo punto de globalidade e solidariedade.

- Realmente cren que hai conciencia de clase entre os novos?

-É unha cuestión complicada de debater. Si que é certo que a conciencia de clase da miña xeración non é tan explícita como acontecía anteriormente. Pero se estás a traballar nun traballo minimamente precario, a xente dáse conta. Outra cousa é que non se dea conta do problema de fondo. Cos medios de comunicación en contra e a maquinaria existente, é complicado que se dean de conta de que o problema radica no sistema capitalista.

- É duro para un grupo que canta en galego, que ten discurso, recibir críticas que parten de xente que en teoría debería estar ó seu carón?

-Sorpréndenos ter máis críticas na nosa trincheira ca na oposta. Se cadra na oposta xa nos toman como un caso perdido. Pero depende como o tomes. Nós, procurámolo tomar con mofa. En "Fulanito, menganito", rímonos desa situación, pero tamén o vemos con tristura. A crítica vén de xente que debería compartir discurso contigo. É buscar inimigos dentro do mesmo bando.

- No terreo da política, pasa o mesmo: eleccións á porta e o bando esquerdo a recopoñer

-É o de sempre. Dáme reparo porque son discusións de partidos políticos pero na rúa a xente comparte loitas. Realmente, o que vai importar é o que imos facer na rúa, temos que ser unha soa na rúa entre todas, facéndonos fortes.

- Que buscades expresar coa vosa música?

-A primeira convicción era cantar en galego. Nós somos neofalantes dende segundo de carreira. Queremos defende-la nosa cultura e emprega-la música como ferramenta. Non é polo ego, senón pola loita política da nosa militancia.

Compartir el artículo

stats