Síguenos en redes sociales:

LOURIÑA

Eduardo Rodríguez "tatán", Membro de Tanxarina: "O espectáculo mellora coa solera, cos pases"

A Praza de San Sebastián de Porriño será, mañá, o escenario de "Son de Aquí". Un espectáculo para tódolos públicos e tódalas edades, que da cabida ó baile, ó humor, a música folk, ó canto coral, ós títeres, música de gaita e festa na rúa. Onte Eduardo Rodríguez, membro de Tanxarina, e o alcalde Raúl Francés presentaron ante os medios de comunicación este espectáculo .

- ¿Que diferencia a "Son de Aquí" doutros espectáculos?

- O primeiro é que ofrece variedade: baile, títeres, música... Ademáis este ano vaise desenvolver con infraestructuras mellores que xa están á altura das actuacións. Esta variedade permite que sexa un espectáculo para todos, do que unha familia enteira pode desfrutar. "Son de Aquí" brindaralle ó público a oportunidade de entreterse e mesmo dar unha volta polo Porriño e coñecer o barrio de San Benito máis de preto.

- ¿Quen tomará a Praza de San Sebastián mañá?

- A xornada ábrese ás 19.45 horas cun pasarrúas pola rúa Manuel Rodríguez; ás 20.30 horas chegan os títeres de Tanxarina e continuará ás 22.30 horas co concerto. Ó final haberá unha actuación tripartita entre Leilía, Orfeón Treixadura e Treixadura Gaiteiros. Se a todo isto lle sumas a presentación a cargo de Quico Cadaval podemos dicir que será unha noite de cultura ó completo.

- Tanxarina leva dende o ano 1983 traballando con títeres. Ó longo deste tempo algo terá cambiado.

- Sí, houbo un avance no feito de que os títeres xa están presentes nos circuitos e redes de teatro. Fanse festivais de títeres e isto trae consigo que xa haxa un espectador entendido en títeres, que se interesa por representacións de grupos internacionais. Quero dicir que agora xa nos miran como un xeito de facer teatro artesán no que intervén tanto a parte interpretativa como a de creación dos bonecos.

- ¿Como ve o das subvencións?

- Coido que está todo excesivamente subvencinado. Imos ver, non hai que nega-los subsidios rotundamente pero sí hai que aproveitalos mellor. Moitas veces retíranse espectáculos cando están no mellor, porque canto máis o representas máis solera ten. En cambio se tardas moito entre pase e pase vas perdendo soltura. Os circuitos e redes teatrais están xa obsoletos. Coas subvencións fas como moito 30 representacións, cando se se programase ben se poderían facer unhas cen. O espectáculo mellora coa solera. Non é de recibo que en cada concello representes unha soa vez. Deste xeito veste obrigado a saír fora. Tanto en Galicia coma fóra hai que crear circuitos que permitan intercambios de grupos coa colaboura das administracións. Os grupos galegos téñense que mostrar nos festivais de fora.

- ¿En que radica o éxito dunha representación de títeres?

- Hai moitos factores, pero o fundamental é comunicar emocións a traverso dos bonecos. A manipulación e a posta en escea ten que atraer, ademáis hai que coidar moito a curiosidade do público.

- ¿Que supón a nova Escola Dramática de Vigo?

- Todo. É un alento de futuro. Tíñame moi preocupado o feito de mirar atrás e constatar que non xurden novos grupos de títeres. Eu agardo que nesta escola se acheguen os títeres ós actores. Suporá que a profesión sexa recoñecida no ámbito familiar. Ademáis é unha homenaxe para todos os que levamos tantos anos traballando. Isto vai facer que a xente crea na profesión.

Pulsa para ver más contenido para ti