O proxecto “Bibliofogar” da Biblioteca Municipal Luís Seoane de Soutomaior vén de recibir un dos premios María Moliner que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte este 2021.

Bibliofogar é un novo servizo gratuíto de extensión bibliotecaria de préstamo e lectura a domicilio cuxo fin é achegar libros, filmes ou revistas dispoñibles na biblioteca Luís Seoane de Soutomaior ás persoas que teñen dificultades para acudir de xeito presencial ou que simplemente así o demanden porque o precisen.

O concurso ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.

Este premio permitirá incrementar os fondos da biblioteca para o desfrute dos seus usuarios.

Dende o Concello agradecen a todas as persoas que participaron no proxecto, cun recoñecemento especial aos centros de maiores do municipio, Soutomaiores e Boas Apertas, porque ambas entidades implicáronse desde o primeiro momento no proxecto e participaron en todas as actividades que lle propuxo co fin de achegar a lectura ás persoas de maior idade.