Síguenos en redes sociales:

Programación de verán

Música, cine e espectáculos enchen as rúas de Gondomar

Haberá eventos todas as noites de venres, sábado e domingo, cos concertos estrela de Cómplices e o artista local Rubén de Lis

Gondomar presenta un programa de verán repleto de música, cinema e espectáculos. Son un total de 27 eventos que terán lugar nas noites dos venres, sábados e domingos de xullo e agosto. Once concertos , unha decena de proxeccións cinematográficas e seis espectáculos de maxia, teatro, circo e danza para chegar a todos os públicos e a todos os recunchos do municipio, como é o caso do Cinema na rúa que este ano, como novidade, trasladarase ás diferentes parroquias.

O programa "Cultura de Verán" inaugurouse xustamente onte co primeira sesión de cine, neste caso foi no Centro Cultural de Peitieiros, e prosegue hoxe, a partir das 22.00 horas, co circo-clow "A Sacro". Nesta ocasión será na Praza da Paradela, escenario da maioría dos eventos programados. Mañá domingo volverá o cinema na rúa coa proxección de Dumbo na Igrexa de San Vicente de Mañufe, ás 22.30 horas. De feito, a xornada dominical estará sempre dedicada ao cine familiar, programándose filmes como Yesterday, Canta, Mascotas 2 ou a superprodución Aladdín.

"Elaboramos o programa pensando nos nosos veciños e o gran esforzo que realizaron durante estes meses de confinamento", afirma o alcalde Paco Ferreira, quen engade que "quixemos diversificar ao máximo o programa para chegar a todo tipo de público e a todos os recunchos do municipio, á vez que apostamos pola cultura local, que é un dos sectores que se viu seriamente afectado pola crise". Neste sentido destaca a actuación do grupo Cómplices o venres 24 de xullo, ás 22.00 horas na Praza da Paradela. "María e Teo forman parte do noso concello desde hai meses e eles mesmos ofrecéronse para actuar en Gondomar, municipio que foi o escenario do seu último tema solidario, editado durante o confinamento", explica o rexedor. Outros artistas locais e grupos emerxentes que actuarán son: Rubén de Lis (14 de agosto), Os Terribles (28 de agosto), The Riggos, (7 de agosto), Ameva (17 de xullo) e Garufa Blue Davis (18 de xullo), entre outros.

Complétase este ano "Cultura de verán" con actuacións pensadas para os máis pequenos contando para iso con agrupacións como Lle Cirque, Educateatro ou Dste Xeito producións coa súa representación Running.

Campamentos

Unha programación de verán que, como é habitual, reforzarase con citas deportivas como é o caso da Copa de Galicia de Ciclismo, no mes de agosto, ou o desenvolvemento de campamentos infantís pensados para facilitar a conciliación familiar e adaptados á nova normalidade e as medidas de seguridade que deben garantirse en todo momento para evitar novos brotes de Covid-19.

Pulsa para ver más contenido para ti