Redondela sempre foi berce de artistas de diversas disciplinas pero ata o de agora non dispoñía dunha base na que poder atopalos, coñecelos e saber das súas dotes. Así, co obxectivo de visibilizar a cultura que ferve entre as persoas do municipio, dalas a coñecer e animalas para expoñer as súas habilidades artísticas, dende o Concello impulsaron un rexistro de artistas locais. Ofreceuse así, e aínda se ofrece, ás persoas artistas da vila de inscribirse nel. Para elo solicítaselle un pequeno currículo, unhas liñas nas que se describise a súa experiencia tras a cámara, o micrófono, o lapis, o pincel, o cincel ou o seu instrumento musical habitual.

Mentres o mundo das actuacións se paraba en rúas e teatros por mor da pandemia do Covid-19, o departamento da Concellaría de Cultura seguía a traballar de portas a dentro e en poucas semanas comezaron a chegar fotos, textos e enlaces a vídeos de todas as artes: fotografía, música, pintura, literatura, escultura, artes escénicas ... Así arrancou un espazo dentro da web do concello (redondela.gal) que conta nestes momentos cos contactos e historias de máis de 50 artistas. Cada un deles conta cunha ficha descritiva individualizada, cunha breve referencia da súa obra e un contacto facilitado polos protagonistas da mesma.

Trátase dun rexistro vivo e en constante movemento, no que as persoas artistas de Redondela poden anotarse en calquera momento, modificar os datos facilitados ou aumentar a información das obras amosadas, enviando un correo electrónico ao enderezo quefacerenredondela@redondela.gal.

Outro fin desta iniciativa é tamén converter a web municipal nun punto de encontro para futuras contratacións dos artistas.