As nosas avoas: o espello no que debemos mirarnos

Os nenos do CEIP Armenteira adican o Día da Muller ás avoas | A deportista canguesa Teresa Portela tamén foi homenaxeada

As nosas avoas: o espello no que debemos mirarnos

Sara Dorado

“Sempre está comigo”, “É unha persoa excelente”, “Xoga conmigo ás cartas” ou “Coidame moito”, son algúns dos motivos que converten ás avoas dos nenos de CEIP Armenteira nas mellores do mundo.

Son avoas, nais, compañeiras e confidentes, ás que nos axudan a crecer e as que nos ensinan a través de historias o que está ben e o que está mal. Son as que abriron camiño e, por suposto, as que gozaron de menos dereitos polo feito de ser mulleres. Razóns para homenaxealas hai de sobra, por iso dende o colexio quixeron poñer en valor o seu papel este 8 de marzo.

Dende fai tres anos, os responsables da escola organizan actividades polo día da muller “para por en valor o seu importante papel na historia”. Así, cada ano, pónselle nome de muller a cada unha das aulas e salas que conforman o centro. Dende Rosalía de Castro, ata a escritora Ledicia Costas, pasando pola artista Menchu Lamas ou pola primeira muller que traballou como realizadora de cine, a francesa Alice Guy. Este ano as salas protagonistas foron o ximnasio e o recentemente estreado comedor, que funciona activamente dende o pasado mes de novembro.

No caso do ximnasio a seleccionada foi a piragüista galega Teresa Portela, gañadora de varias medallas nos Xogos Olímpicos. Portela non puido acudir ao centro para descubrir a placa que agora coroa esa sala porque se atopa en plena preparación para os Xogos Olímpicos de 2024, que serán París. Aínda así, a canguesa non quixo deixar pasar a oportunidade, e enviou un vídeo dedicado aos cativos mostrándose moi agradecida e invitando a os máis pequenos a implicarse no deporte.

As palabras de Teresa Portela aos rapaces do CEIP Armenteira

Pero, sen dúbida, o momento máis emotivo veu da man das avoas da Armenteira, ás que se lles adicaou o espazo do comedor, por todos eses bonitos recordos creados man a man entre fogóns. Teresa, Rosa, Marita, Otilia ou Pastora son algunhas das avoas que acudiron hoxe ao CEIP cargadas con bandexas e tuppers cheos de tortilla, empanada e filloas -como non podía ser de outra maneira- para escoitar de boca dos seus netos e netas, as razón polas que son tan especiais.

Raíñas das fogóns

Elas foron as encargadas de contar algunha que outra anécdota sobre cando comezaron a cociñar; cal é o seu prato favorito e incluso houbo quen se atreveu a dar algunha receita. 

Foi o caso de Carmen, que narrou aos seus compañeiros o rico “arroz en amarelo con gambas” que lle prepara a súa avoa: arroz, auga, gambas e aínda que Carmen cree que “sal non leva, iso bótase só as patacas frixidas”, fixo as delicias dos seus compañeiros coa súa explicación. 

Houbo quén se viu un tanto sorprendida polas “acusacións” das súas avoas, como é o caso de Sara Rial, cuxa avoa, Marita, botoulle un pouco en cara que nunha quere comer peixe: “Gústame o churrasco”, defendeuse ela.

As mulleres tamén contaron que cando elas eran pequena non se comían moitas das cousas que hai agora e a súa alimentación baseábase máis en peixe e en verduras, en lugar de carne, que era máis custosa e difícil de conseguir. 

Tamén houbo tempo para recrearse explicando algúns dos pratos favoritos de maiores e nenos, onde o cocido coroouse como unha das opcións máis aclamadas.  Outro dos pratos que resultou ser o máis repetido cando se lles preguntaba aos pequenos pola súa comida favorita foi a famosa tortilla de patacas, aínda que sen entrar no debate de si é mellor con ou sen cebola. 

As mulleres xa forman parte da axenda

A mobilización polos dereitos das mulleres non é cousa só de un día. De feito, dende o CEIP A Armenteira, traballan dende fai anos neste campo en especial: “Levamos cinco ou seis anos facendo fincapé no feminismo dende o cole. Antes o Día da Muller pasaba sen que se lle prestase especial atención”, comenta Paula García, que leva dezanove anos dando clase. 

Un feito que non só ten que ver ca importancia que os movementos feministas acadaron na sociedade, senón tamén grazas á evolución dos materiais educativos, que permiten que a figura da muller sexa, por fin, protagonista nas escolas: “Agora hai moitos máis contos, moita máis bibliografía… trátase máis a igualdade, polo que a muller está incluída no catálogo de aprendizaxe”.

O director do centro, Paco Reigosa coincide e engade: “Aquí hai nenos que viven na casa con ata tres xeracións distintas de mulleres: bisavoas, avoas e nais… E eu creo que, en concreto estes nenos teñen moi poucos prexuízos: os nenos pintan as unllas, as nenas xogan ao fútbol… entre eles non entenden de diferencias a esta idade”.

Por este motivo, é importante que o papel das mulleres conte e forme parte da didáctica, especialmente para que as nenas vexan que sendo muller pódese chegar tan lonxe coma Teresa Portela, como Rosalía de Castro ou como as avoas, que levan todo este tempo sendo os ombreiros da sociedade.

Suscríbete para seguir leyendo