Suscríbete Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mulleres contra o machismo no sector do mar

Bateeiras e mariscadoras quéixanse no Club FARO da discriminación de xénero que sufren no seu traballo

Os poñentes da conferencia de onte do Club FARO, celebrada en Cambados. INAKI ABELLA DIEGUEZ

“Cando chegas a unha federación de confrarías, o primeiro que che din é que as mulleres non entendemos de peixe”. Son palabras de María Vales, unha das poucas patroas maiores de Galicia, e coas que quixo exemplificar o machismo que, segundo ela, impera no sector do mar galego. E non a única que percibe esta discriminación. Sandra Amézaga, secretaria da asociación Mulleres Salgadas, afirma que, “hai uns anos pedimos publicamente cotas de representación para as mulleres nos órganos de dirección, e iso custuonos o baleiro das federacións durante dous anos”.

O Club FARO e a Deputación de Pontevedra celebraron a pasada noite unha conferencia-coloquio titulada “Mulleres Salgadas (feminismo no mar)”, na cal as poñentes coincidiron en que o traballo das mulleres está infravalorado e que non gozan da representatividade nos órganos de dirección que lles correspondería por número. “As mariscadoras somos maioría en moitas confrarías, e téñennos de segundonas”, engadiu Vales.

Asistentes á actividade INAKI ABELLA DIEGUEZ

O acto celebrouse no salón de plenos do Concello de Cambados, e asistiron medio cento de persoas. Sandra Amézaga fixo as veces de moderadora dun animado coloquio no que tomaron a palabra a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde cambadés, Samuel Lago; María Vales; a presidenta en funcións das mariscadoras de Cambados, Mari Carmen Resúa; e a presidenta da asociación Mulleres Salgadas, a bateeira de Rianxo Dolores Gómez.

Esta última salientou a importancia de asociarse a colectivos como Mulleres Salgadas. “Somos moito máis fortes e dámonos a coñecer”, para de seguido lamentar as trabas que, segundo ela, atopan nas administracións para conquerir a igualdade. Así, afirmou que “non nos queren no Consello Galego de Pesca”, e urxiu á Xunta a poñer en marcha o Observatorio de Igualdade que se aprobou por unanimidade no Parlamento. É tamén unha firme defensora das cotas de representación nos órganos directivos do sector do mar.

Carmela Silva saúda a Carmen Domínguez e Pepita Abelleira, premiadas por Mulleres Salgadas INAKI ABELLA DIEGUEZ

Neste punto, recibiu o apoio explícito de Carmela Silva, que lembrou que hai décadas, cando as mulleres empezaron a pedir mínimas cotas de representación na política, “foron vilipendiadas”. “Mentres nas confrarías non estean as mulleres non serán verdadeiramente democráticas”, engadiu.

Mari Carmen Resúa, pola súa parte, falou das características do marisqueo a pé, o oficio no que a presencia feminina é máis visible. “É un traballo moi duro, pero gratificante”. Ensalzou a sensación de liberdade que disfrutan as mariscadoras, e asegurou que malia o frío, o vento, a chuvia e as dores, “eu isto non o cambio”.

Moitas toman analxésicos antes de mariscar

A conferencia do Club FARO e a Deputación converteuse tamén nunha sentida homenaxe ás mulleres das pasadas xeracións, que traballaron arreo sen apenas recoñecemento social nin familiar, pero que co seu esforzo abriron os camiños polos que transitan agora as súas fillas e netas. A asociación premiou este ano a tres mulleres de diferentes oficios do mar: Rita Vázquez, Pepita Abelleira e Carmen Domínguez, e proxectou uns vídeos delas, nos que explican como era o seu traballo. Rita Vázquez relataba, por exemplo, como ían á batea en barcas a remos, e que botaban o día enteiro no mar.

A mariscadora Carmen Domínguez afirmou que, “á praia sempre hai que levar compañía, ese compañeirismo é marabilloso”. Finalmente, Pepita Abelleira pediulles ás mozas que loiten e se esforcen polos seus dereitos, “porque se non os homes cómennos”. Tampouco faltaron, durante as intervencións, as referencias á dureza do traballo do marisqueo a pé, pero tamén á súa beleza. Así, moitas das presentes recoñeceron tomar analxésicos antes de baixar á seca para previr as dores musculares ou de articulacións. Foron moitas as anécdotas que relataron as presentes sobre os seus comezos no marisqueo, e como os primeiros días pensaron que ese oficio era demasiado duro para elas.

Os poñentes, durante a súa intervención INAKI ABELLA DIEGUEZ

Pero teimaron, ata que descubriron o lado bo daquel traballo. “Nós necesitaremos moito ao traumatólogo, pero ao psicólogo para nada”, espetou María José Cacabelos, unha veterana mariscadora cambadesa que estaba entre o público.

A asociación xa suma 1.600 socias

Mulleres Salgadas é unha asociación de ámbito autonómico que naceu como tal en 2021, pero que en realidade se creou cinco anos antes na ría de Arousa. En 2016 fundouse Mulleres do Mar de Arousa, gracias ao Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP), pero o proxecto medrou ata as 1.600 socias actuais. Na páxina web da asociación hai un formulario para inscribirse no colectivo. A cota anual é de 30 euros (que se prorratean segundo os meses que queden de exercicio), mentres que as mulleres xubiladas ou as estudantes só pagan 10.

Compartir el artículo

stats