A presidenta da asociación Mulleres Salgadas, a bateeira Dolores Gómez, está convencida de que Galicia precisa un Observatorio de Igualdade, “que estudie e analice a situación das mulleres que traballan no sector do mar, e que propoña medidas para avanzar na igualdade”. A creación dese observatorio foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego, e é polo tanto unha débeda pendente do goberno autonómico coas máis de 14.500 mulleres que traballan en oficios directa ou indirectamente vinculados co mar.

O Club FARO e a Deputación de Pontevedra celebran ás 19.00 horas de hoxe xoves en Cambados unha conferencia-coloquio titulada “Mulleres salgadas (feminismo no mar)”, que será presentada pola presidenta provincial, Carmela Silva. Intervirán Dolores Gómez, que é bateeira de Rianxo; Mari Carmen Resúa, presidenta en funcións da agrupación de mariscadoras a pé de Cambados; e María José Vales, patroa mayor en funcións de Vilanova. O acto é no salón de plenos do Concello, con entrada gratuita, pero aforo de 50 persoas.

Dolores Gómez, presidenta de Mulleres Salgadas, advirte en primeiro lugar de que en Galicia hai case 15.000 mulleres que traballan en oficios vinculados ao mar, pero que esta elevada cifra non se corresponde despois co número de mulleres que ostentan cargos directivos ou de representación. Na súa opinión, esta é unha eiva que é preciso resolver. Por iso, considera necesario avanzar no Observatorio de Igualdade prometido polo Parlamento, e que aportaría ferramentas técnicas para empezar a traballar.

Gómez tamén é partidaria de introducir cotas de participación de xénero nos órganos directivos das confrarías e as asociacións sectoriais, semellantes ás que existen nas organizacións políticas. “As cotas de paridade funcionan na política, así que entendemos que tamén se poden aplicar nas nosas organizacións”, opina.

Tamén defende a creación de cotas de paridade de xéneros, como as existentes en política

A presidenta de Mulleres Salgadas tamén bota en falta campañas institucionais que animen ás socias a dar o paso de ofrecerse para liderar os proxectos. É consciente de que presidir unha organización de mexilloeiros ou unha confraría esixe un gran esforzo persoal, pero apunta que a cambio permite desenvolver aqueles proxectos nos que unha persoa cre. Por iso, opina que debería haber campañas que animasen ás mulleres a dar o paso e a vencer as dúbidas.

Precisamente, un dos obxectivos de Mulleres Salgadas é o de loitar por unha maior presencia feminina nos órganos de dirección. A orixe do colectivo hai que buscalo en 2016, cando se creou Mulleres do Mar de Arousa, grazas ao respaldo do Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP). Sen embargo, o proxecto medrou e as súas impulsoras entenderon que os problemas que afectan ás mariscadoras, as bateeiras, as redeiras, as tripulantes de barcos de baixura ou as operarias de conserveiras e depuradoras son os mesmos en todo o litoral. Por iso, decidiron ampliar o seu ámbito de influencia a toda Galicia, e en 2021 convertéronse en Mulleres Salgadas. Na actualidade, contan con unhas 1.500 socias, entre productoras, operarias fabrís ou técnicas e científicas.

Converteuse, así, na primeira asociación feminina do sector do mar galego, e as súas metas siguen vixentes na actualidade. Persiguen acadar a visibilidade e a relevancia que si teñen por exemplo no marisqueo a pé, pero dos que non gozan nos demais sectores, a pesar de ser tamén moitas socias.

Outra das finalidades da asociación é rachar con vellos estereotipos machistas, como o de que o traballo a bordo dun barco é demasiado duro para unha muller. Dolores Gómez lembra ao respecto que, “o que non se fai dunha vez faise de dúas”, e que ademais as embarcacións están equipadas na actualidade con aparellos que fan moito máis levadeiro o esforzo físico, tamén para os homes.

Na conferencia do Club FARO desta tarde en Cambados falarase doutros asuntos, como as características do traballo no mar, a necesidade de avanzar na protección social das mulleres e, sobre todo, de recoñecer que son unha parte fundamental do sector.