Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Menos do 10 por cento das confrarías galegas teñen patroa maior

A asociación Mulleres Salgadas porá en valor o traballo feminino no sector do mar no Club Faro deste xoves en Cambados

María José Vales é a patroa maior de Vilanova. | // NOÉ PARGA

En Galicia hai máis de 60 confrarías de pescadores, pero durante o mandato que está a piques de expirar só media ducia delas estiveron gobernadas por mulleres, o que supón menos do dez por cento. O sector do mar non é, polo tanto, alleo á situación que afecta a gran parte do mercado laboral, no que a miúdo as traballadoras se atopan cun auténtico teito de cristal que lles impide acadar os postos directivos. Este será un dos asuntos que se abordarán este xoves na mesa coloquio que o Club Faro e a Deputación de Pontevedra celebran en Cambados baixo o título de “Mulleres Salgadas: feminismo no mar”.

O acto celébrase ás sete da tarde, no salón de plenos do Concello, e será presentado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva. Con ela estarán tres integrantes da asociación Mulleres Salgadas: a presidenta do colectivo, a bateeira Dolores Gómez; a patroa maior en funcións de Vilanova, María José Vales; e a presidenta en funcións da agrupación de marisqueo a pé de Cambados, María Carmen Resúa. A entrada é libre, ata completar o aforo máximo de 50 persoas.

A Lei de Confrarías

Un dos obxectivos de Mulleres Salgadas é axudar ás socias das confrarías a poder desenvolver os seus proxectos persoais e profesionais do mesmo modo que o poden facer os homes. Para María José Vales, é inaceptable que as mulleres teñan tan pouca presenza nos órganos de decisión a pesar do seu papel protagonista en moitos pósitos. Na súa opinión, para cambiar esta situación será preciso mudar a actual lei autonómica de confrarías, xa que entende que relega a un papel secundario a aqueles oficios tradicionalmente máis feminizados, como é o do marisqueo a pé.

Neste sentido, aporta un exemplo práctico de Vilanova: nese porto hai 80 armadores, e 240 mariscadoras. E tanto os primeiros como as segundas contan con dez representantes na xunta xeral do pósito, a pesar da abrumadora diferencia de socios entre ambos. “No mundo actual cada sector ten que ocupar o lugar que lle corresponda”, entende María José Vales. É por iso que é partidaria dunha modificación lexislativa, para que as mariscadoras a pé deixen de figurar como tripulantes, posto que son traballadoras autónomas, como os armadores.

Machismo no mar

María José Vales foi patroa maior durante oito anos, e asegura que durante este tempo, “sufrín moitos ataques machistas”. Afirma que no sector do mar perviven aínda moitos prexuizos sexistas, como o de que as mulleres non poden saber tanto como os homes da xestión pesqueira do peixe. E pregúntase como é posible entón, “que a conselleira do Mar sexa unha muller”.

“Teño asistido a xuntanzas nas que ata parece que ás mulleres nos ven como inimigas”, engade Vales. Como ela di, nas xuntanzas de traballo, as mulleres teñen que esforzarse máis que os homes para facer valer os seus argumentos.

Compartir el artículo

stats