Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Torre de Escuredo (e II): o escuro obxecto de desexo

Parte amputada da Torre dos Mestre Hernández, sobre a que hai hoxe unha edificación. Vida Gallega

A finais da década de 1980, determinados intereses urbanísticos, con diñeiro para multipliclar, reparan na enorme bolsa de negocio que ofrecía a antiga propiedade da familia Mestre, no centro da vila do Grove. Entón eran xa dúas propiedades colindantes, cuns 7.000 metros cadrados en total, e unicamente dúas vivendas unifamiliares nelas. Luís Mestre Roig, de orixe catalana, casado coa arousá María Hernández, mercara unha vella casa grande labrega, en absoluto un “pazo fidalgo de tipoloxía militar”, que restauraron ao gusto da chamada “arquitectura modernista indiana, neocolonial”, tan propia das enriquecidas familias retornadas de América.

A progresiva ruína económica desa familia é xa extrema nos anos finais de 1930, cando pesa sobre a propiedade unha orde de desafiuzamento. Interveñen, de boa fé, os conserveiros Eugenio Escuredo Lastra e Francisco Lores Fernández, asociados aínda, e enriquecidos de xeito rápido pola alta demanda da produción de conserva de peixe en tempos de guerra.

Así mercan, por riba do prezo taxado polo desafiuzamento, cadansúa parte correspondentes aos herdeiros de Mestre Roig, os irmáns Luís Antonio e Luísa Mestre Herrnández; o primeiro véndelle a Escuredo a súa parte, a sur coa vivenda; a segunda véndelle a Lores, a parte norte, sen construcións de maior interese.

Un fai melloras na antiga casa dos Mestre, obras de reforma e mantemento, poñendo a propiedade a nome da súa muller Elisa Lago, para salvagardala de eventuais desastres económicos; e o segundo edifica unha voluminosa vivenda no alto do seu terreo, cun intencionado estilo de fortaleza militar dotada de torre almeada que coroaba un cubo de reminiscencias defensivas. Ambos propietarios denominan as súas vivendas como “La Torre”, a xente do Grove chamoulle a unha, A Torre de Escuredo, e á outra, A Torre de Lores.

Década de 1980

As familias Escuredo e Lores tiveron nesas casas as súas vivendas ata a década de 1980, cando as conserveiras de propiedade unifamiliar xa entraran en crise dende a década anterior. Se na casa dos Mestre, e logo dos Escuredo, residiron personaxes da política e a cultura como o escritor Jaime Solá, o pintor Xosé Conde Corbal, o fotógrafo Juan Manuel Castuera, ou o artista Rafael Alonso, non foi menos importante a visita reiterada, xa na casa da familia Lueiro Lores, de protagonistas da cultura e a política como Luís Seoane, o poeta Lorenzo Varela, o profesor Alonso Montero, ou o editor Arturo Cuadrado, ademáis de ser a residencia do escritor Manuel Lueiro durante toda a súa vida de casado, o lugar onde escribeu a totalidade da súa obra.

A Torre de Escuredo. Abella

As circunstancias persoais e familiares de ambas casas foron diferentes. No caso dos Lueiro Lores, unha irmá e catro irmáns, a vida fai que teñan os seus traballos fóra do Grove. Con Manolo e Maruja, pai e nai, xa xubilados deciden vender unha propiedade, demasiado grande en metros de terra e edificación, e moi costosa para mantela, co agravante de non ser adaptable, ou divisible, para cinco fillos, os herdeiros da parella.

"En realidade están os acusadores ignorando a lei, atacando os procedementos administrativos e dubidando da imparcialidade dos técnicos responsables dos ditames da Consellería"

decoration

Os que coñecemos, os que temos amizades nesa familia, sabemos da dor que lles producía ter que chegar a esa decisión, sabemos que Maruja Lores procurou unha saída de carácter público, pero non tivo con quen falar no concello, daquela controlado polo principal enemigo do seu irmán Pepe, que fora alcalde en anos anteriores.

Unha decisión persoal dolorosa

Ninguén cun mínimo de sensibilidade é feliz tendo que vender a que foi a súa casa, o lugar onde naceron e medraron os fillos; do mesmo xeito que ninguén sensible e xusto, debería atreverse a criticar unha decisión persoal tan dolorosa como comprensible. Foi acaso, Maruja Lores, unha especuladora? Para nada.

No caso dos Escuredo, permaneceron na vivenda que foi a casa onde naceron os fillos de Eugenio Escuredo e Elisa Lago, con Margarita Escuredo traballando duro, tamén ela non vivindo de rendas, xerando traballo e riqueza, dirixindo a conserveira Yago, do Porto de Meloxo, xa entrada en crise coma tantas outras na época. Ata que comezaron os problemas que deron cabo dela, e que teñen causa, orixe, nas promocións urbanísticas que a acosan dende os primeiros anos da década 1990. En absoluto por abandono familiar para especular co terreo.

"Sorprende tanto a inquina sobre esta familia á que convertemos en irresponsables que abandonan unha vivenda fermosa"

decoration

Os dous conserveiros asociados, tardaron pouco en romper a sociedade, mesmo en chocar e distanciárense, mais ningún deles promoveu que as súas diferenzas persoais e empresariais se trasladase á boa relación que mantiveron sempre os fillos e fillas de ambos, que mesmo pasou a netos e netas, todos veciños de vivenda no Grove.

Por iso sorprende tanto a inquina sobre esta familia á que convertemos en irresponsables que abandonan unha vivenda fermosa; en especuladores que nunca construíron nin un metro cadrado no Grove, nin noutro lugar; e en insensibles culturais, xusto a eles que teñen na familia un amplo abano de artistas plásticos, escultores, músicos ou escritores entre os seus membros.

Importantes doazóns

Insultos de todo tipo, que non teñen en conta que en Moreiras hai un cadro de catro metros do pintor Conde Corbal, depositado pola familia Conde Escuredo; e que os voluminosos libros de contabilidade da fábrica do Porto de Meloxo, planos de máquinas de envasado, os proxectos e licencias das primeiras bateas que tivemos, as fichas laborais de centos de traballadoras desa conserveira, litografías de latas, artes finais de publicidades e outros bens procedentes de Conservas Yago, foron doadas ao Concello para que sirvan de fonte documental para futuros traballos das novas investigacións da historia económica do Grove. Ningunha outra fábrica fixo algo semellante.

O mural de Virxe das Mareas

Esa familia de insensibles culturais favoreceu que Xosé Conde Corbal, xa casado con Margarita Escuredo, pintara o mural policromático que ocupa todo o frontal da capela da Virxe das Mareas, sen cobrar por semellante traballo, que non só non está visitable, senón que está parcialmente tapado por unha desafortunada actuación parroquial.

"É necesario que cesen os insultos, broncas, acosos, faltas de respeto e acusacións que nada resolven e só enlaman o campo de xogo"

decoration

Así imos mal, acusamos á familia propietaria de promover a retirada do BIC –nunca debeu ser como foi– e afirmamos, sen reparo, que o conseguiron a base de mover influenzas políticas.

En realidade están os acusadores ignorando a lei, atacando os procedementos administrativos e dubidando da imparcialidade dos técnicos responsables dos ditames da Consellería. É necesario que cesen os insultos, broncas, acosos, faltas de respeto e acusacións que nada resolven e só enlaman o campo de xogo. É a hora da política, da negociación, do diálogo; non me cabe dúbida de que é posible, aínda procurar saídas dignas, acordos de equilibrio entre o público e o privado.

A finca que ocupa la Torre de Escuredo.

Foi o BIC o que impideu o mantemento

O BIC da Torre de Escuredo, estaba basado nunha lei de 1948, dentro da “categoría xenérica de arquitectura militar ou defensiva”.

O Estado español nunca enviou un técnico a verificar e certificar a pertinencia e idoneidade desa declaración.

Foi ese BIC o que impediu que a propiedade fixese os traballos necesarios de mantemento, xunto cos procesos de denuncias cruzadas entre esta familia, os promotores circundantes, o concello e a comunidade de veciños da nova edificación, tamén moi prexudicada polas graves humidades que padeceron durante anos.

Nun BIC “non pode tocarse baixo ningunha circunstancia” decíanlle unha e outra vez a Margarita Escuredo, farta de peregrinar por oficinas.

Quen promoveu o BIC no ano 1992 sabía ben o que facía

Porque quen promoveu o BIC no ano 1992 sabía ben o que facía. Ao non poder comprar a propiedade procurou a maneira de paralizar outras posibles compras, e promove un expediente falseado a mantenta para que fose inviable calquera solución alternativa.

A inestabilidade e mudanzas no sillón da alcaldía, sen dúbida, axudaron a que se abriran moitas fendas e situación naquel tempo confuso, en dez anos entre 1983 e 1993 tivemos cinco alcaldes .

En 2016, entra en vigor a nova “Lei de Patrimonio Cultural de Galicia”, a Lei 5 de 2016, que altera e modifica significativamente o regulado nesta materia. En base a esta lei revísanse e recalifícanse, ditames anteriores pouco rigorosos. Así en abril de 2018, a subdirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, con plena competencia neste asunto, comunícalle ao Concello do Grove que entende que “ese ben (A Torre) non se identifica coa tipoloxía de arquitectura militar e defensiva e podería ser susceptible de rectificación”.

Lei de Patrimonio

Están advertindo da irregularidade dous anos despois da entrada en vigor da Lei de Patrimonio. Solicitándolle, ao tempo, a información sobre a documentación de que dispoña ese Concello”. Era alcalde Miguel Pérez. Tres anos despois desa comunicación e cinco da Lei de Patrimonio vixente, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural “resolve deixar sen efecto a inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia da denominada Torre de Escuredo do Grove” con data de 25 de maio de 2021.

Nunha razonada xustificación, que explica en pormenor as razóns polas que a esa “vivenda”, que non torre defensiva, castelo ou fortaleza militar, non lle corresponde a catalogación como BIC. Os técnicos de Patrimonio poden equivocarse, pero o que non poden é prevaricar.

A retirada do catálogo de BIC está absolutamente xustificada

A retirada do catálogo de BIC está absolutamente xustificada, na Lei, na razón e na documentación existente, e fariamos ben en ler antes de falar, en analizar e avaliar antes de insultar, en informarnos antes de actuar.

Por se lle interesa a alguén, varios membros do primeiro goberno de José Cacabelos, sentamos repetidas veces coa familia Escuredo, con técnicos e asesores legais. Había un proxecto polo que cedían, os propietarios, algo máis do 30% da totalidade do solar para usos públicos que quedaría en forma de praza con xardín de libre acceso; salvaba definitivamente esa vivenda singular movéndoa cara o sur para separala do mamotreto e saneándoa; contemplaba unha nova edificación lixeira, mirando cara o sur e escalonada, que tapaba o murallón adosado á casa; creaba prazas de garaxe baixo terra; e resolvía un problemón urbanístico que temos no corazón da vila, o do feísmo insufrible dese paredón lateral e do esqueleto traseiro.

Fixémolo como se fai política, falando, argumentando, tanto o alcalde José A. Cacabelos, como os concelleiros de Urbanismo (Carlos Álvarez Besada) e de Cultura (eu mesmo), negociando, facendo propostas, buscando alternativas... Houbo cambio no goberno local e viñeron outros...

Compartir el artículo

stats