"A única solución é que traballemos xuntas, aínda que nos está costando moito que as mulleres se impliquen", recoñeceu onte Sandra Amézaga, secretaria da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa. E si pasa isto, engadiu, "é por varias razóns, como son o dominio dos homes nos postos directivos das confrarías e as súas federacións, a sobrecarga de traballo doméstico que aínda temos moitas mulleres da pesca e tamén porque aínda vivimos nunha sociedade machista". É por iso que Mulleres do Mar de Arousa quere facer que a sociedade reflexione e se dea conta de que "a igualade aínda está moi lonxe".

Neste senso, a presidenta da Deputación voltou a insistir onte na necesidade de que as Federacións de Confrarías camiñen cara a paridade nos seus órganos directivos. Esto require, sinala Carmela Silva, dun proceso de análise daquelas medidas que "poidan introducir factores correctores no sistema electoral das confrarías para garantir unha maior cuota de participación feminina".

Tamén a presidenta de Anmupesca defendeu a necesidade de "fomentar un cambio social" e de "actuar como planeta", tanto para axudar ás mulleres como para protexer o mar.