O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, xunto co cura párroco de Santa Mariña Dozo, José Aldao, e mailo historiador Jacobo Domínguez, presentaron onte o programa de actividades que se van realizar, dende o Concello e dende a parroquia, para conmemorar o 75 aniversario da inauguración do edificio da Xuventude e o 80 aniversario da fundación da Juventud de Acción Católica.

Os tres coincidiron en suliñar a trascendencia de rescatar a historia desta asociación vinculada á Igrexa, que significou un gran factor de relación social e formación cultural para os mozos e mozas cambadeses, dende os anos 30 ata os anos 70 do século pasado, en que comezou a decadencia desta institución.

O alcalde puxo o énfase no interese desta efeméride para todos os cambadeses, tendo en conta que a gran maioría pasou pola Juventud, onde tivo a súa orixe o equipo de fútbol, o de baloncesto, o de tenis de mesa, o grupo de teatro ou o cine.

As actividades

Entre as actividades que se van desenvolver con motivo desta conmemoración o historiador Jacobo Domínguez explicou que o 25 de outubro, día de Cristo Rey, vaise inaugurar unha gran exposición con paneis de fotografías históricas, vitrinas con obxectos das distintas épocas, carteis, afiches do cine, unha revista que se editaba en 1935, insignias, tazas de almorzo, roupa do párroco Cadarso e vestimentas propias da Juventud Católica. Esta mostra estará aberta ata o 22 de novembro.

O mesmo día 25 tamén se vai presentar, no auditorio da Xuventude, un documental con entrevistas a "jóvenes" de distintas épocas que tiveron algún protagonismo na historia da Juventud, como por exemplo o primeiro presidente, Luciano Fariña. Despois haberá actuacións musicais e recitais poéticos con cancións e poemas que se tocaban ou recitaban nas décadas dos anos 30 e 40. Tamén se vai presentar un libro a modo de catálogo de experiencias e historias da Juventud.

Pola súa banda, o párroco José Aldao anunciou un ciclo de charlas que se desenvolverá dende o 25 de outubro ata o 22 de novembro, para falar da experiencia da Juventud Católica en Cambados.

Avanzou asimesmo que se vai solemnizar un Novenario como o que se celebraba naquela época, con sacerdotes en activo que noutrora foron coadxutores da parroquia de Santa Mariña: José Luis Cardoso, Jose Ferreiro García, Joaquín Gómez, Salvador Domato Búa, José Fermín Bello Arjomil, José Vázquez Landeira, Benito González Magán, Crisanto Rial López e Xavier Blanco "Cangrexeiro".

Aldao indica que unha misa solemne poría o colofón a esta celebración baixo a presidencia do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, se a súa axenda llo permitise posible.

Colaboración dos veciños

O historiador Jacobo Domínguez, pola súa parte, agradeceu a colaboración veciñal que tivo ata o de agora na pescuda de información e na consecución de obxectos e indicou que calquera persoa que teña fotos ou recordos daqueles tempos poden contactar con el no enderezo electrónico xacodominmixmail.com. Na actualidade, A Xuventude é o gran edificio para usos culturais de Cambados. É o escenario das funcións do ciclo de teatro, e de eventos como a Semana da Música. Acolle presentacións de libros, proxeccións de películas e charlas para nenos e maiores.