A Santiña de todo Cambados
A vila do albariño encheu A Xuventude para desfrutar coa "Man da Santiña"
Case non había un oco valeiro. Moitos acudiron coas súas mellores galas de época, como se tiña recomendado na convocatoria. Centos de cambadeses chegaron o Auditorio da Xuventude para conmemorar, cunha grande posta en escea, o 90 aniversario da estrea na Coruña de “A Man de Santiña”, do ilustre poeta albariño Ramón Cabanillas.
Certo é que a obra onte non foi representada tal e como adoita facerse As voces protagonistas non interpretaban, só lían, pero a montaxe fotográfica que acompañaba á lectura fixo os espectadores revivir o momento daquela estrea no ano 1919. Naquel entonces foron xentes como Carmen Chao -familia do escritor Antón Vilar Ponte-, Vítor Casas -director de A Nosa Terra- ou Camilo Díaz Baliño -pintor e un dos máis importantes escenógrafos da historia de Galicia e pai de Isaac Díaz Pardo- os que puxeron corpo, voz e escea a obra de Cabanillas.
Onte o protagonismo era da propia obra e do aniversario, pero os que a leron puxeron tamén todo o seu empeño. Mestres de Cambados, integrantes do Teatro Caracol, profesionais do Conservatorio Municipal e demais representantes da cultura do Salnés déronlle voz a Santiña, Rosario ou Don Pedro, algúns dos nomes que protagonizan a obra de Cabanillas.
O público colaborou de forma activa coa representación, e non só cos seus aplausos. Algúns dos cambadeses aventuráronse a disfrazarse de época para acudir ó Auditorio da Xuventude, ainda que non coa intensidade que se prevía dende a concellería de Cultura. Algúns pequenos grupos de xente deixaron a vergoña na casa, pero a maioría presentouse no auditorio coa mesma roupa que no seu día a día. O que si foi apabullante foi a resposta dos cambadeses. Foi tal o número de persoas que se achegaron a desfrutar do espectáculo que se puxeron cadeiras polos laterais, xa que as butacas normais non chegaban para todos.
A presen- tación da obra, o monólogo inicial e a conducción correu por conta do actor Evaristo Lago, acompañado ó piano pola directora do Conservatorio, Lorena Varela. No momento da estrea a obra adiantábase a súa época, con diálogos que camiñaban dez anos por diante das correntes teatrais da época. A montaxe vista onte quixo ser tamén unha visión moderna, pero coa suficiente perspectiva para ensinar o acontecido hai hoxe noventa anos e un día.
A dirección do proxecto, que se inclúe nos actos dos “Ano Cabanillas”, corre a cargo de Noela Toledano, mentres que o productor é Luís Rei -biógrafo do poeta da raza- e a parte técnica é para Quico Álvarez, bisneto do poeta cambadés.
Un pasiño máis no longa homenaxe que Cambados lle está a render o seu poeta máis ilustre, o que deixou escrito para sempre o nome da vila na historia do mundo. E a Cabanillas ainda lle quedan moitos máis aplausos que recibir.