Cultura Galicia

Galicia, terra de premios nacionais

Marilar Aleixandre fíxose co galardón estatal á mellor novela; Ismael Ramos co do mellor poemario de autor novo e Ofelia Rey, o de Historia de España. Ledicia Costas logrou o seu terceiro Lazarillo

Ofelia Rey, Ismael Ramos, Ledicia Costas e Marilar Aleixandre.

Ofelia Rey, Ismael Ramos, Ledicia Costas e Marilar Aleixandre. / Xoán Álvarez / Pablo Hernández Gamarra

Mar Mato

Mar Mato

Galicia consolidouse neste exercicio como terra de premios nacionais, os galardóns que outorga o Ministerio de Cultura. Nesta edición, resultaron gañadoras Marilar Aleixandre (novela), Ismael Ramos (poesía nova) e Ofelia Rey (historia de España).

No caso de Aleixandre, venceu con As malas mulleres (Galaxia), unha novela histórica sobre a situación das mulleres do século XIX nos cárceres con atención á sororidade, á ollada de esperanza e á resiliencia.

O libro presta atención ás encarceadas na prisión coruñesa de A Galera que Concepción Arenal visitou entre 1863 e 1865 co gallo de descubrir algo sobre un tema varrido, do que case non queda constancia en documentos.

Pola súa parte, Ismael Ramos conseguiu o Nacional de Poesía Joven para Lixeiro (Xerais). No poemario, fala da fraxilidade, da amizade, de estar no presente e ser conscientes deste tempo, o máis precario de todos, segundo o seu punto de vista.

Desde a experiencia persoal, o poeta galego introduce tamén as relacións humanas mentres critica como o mundo laboral, lonxe de facernos libres, deshumanizounos.

No caso de Ofelia Rey, o libro premiado en Historia de España foi El vuelo corto. Mujeres y migraciones en la Edad Moderna, editado pola Universidade de Santiago de Compostela.

A obra ofrece unha investigación rigorosa con multitude de fontes históricas para ofrecer as causas e consecuencias das migracións das mulleres na Idade Moderna, tanto as realizadas na Península Ibérica como cara alén do Atlántico.

Os premios nacionais deste ano deixaron un fito sobranceiro porque incluíron o recoñecemento de dúas obras escritas en galego: Lixeiro, de Ramos; e Malas mulleres, de Marilar Aleixandre.

Desde o ano 2015, un total de dez obras escritas en galego lograron a distinción do Ministerio de Cultura nos eidos de poesía, narrativa, literatura infantil e xuvenil e ensaio.

A cifra non é desdeñable se temos en conta de que falamos dunha lingua minoritaria e minorizada, o galego.

Os éxitos colleitados este ano volveron a propoñer a cuestión de se estamos ante a época dourada da poesía galega. Non hai resposta única ao respecto. Por un lado, hai unha opinión xeralizada de que a poesía actual galega é dunha excelente calidade, o que non implica que sexa mellor ca de outros tempos.

O que é indubidable é que hai unha maior compresión e interese pola produción realizada nas linguas cooficiais nos distintos xurados dos premios nacionais que atenden á periferia.

Pero estes galardóns non foron os únicos de carácter estatal que se fixaron no traballo dos escritores e escritoras galegas. O xurado do Premio Lazarillo volveu premiar por terceira vez unha obra da viguesa Ledicia Costas: A lebre mecánica.

Desta volta, a autora presentou unha historia sobre un grupo de rapazas e rapaces de instituto que verán como a ludopatía e a falta de comunicación loitan contra a unidade, o amor, a amizade e a familia.

Relataba a propia Costas que o que pretendía era seguir o ronsel nesta obra de novelas que lle gustaban de moza como Rebeldes ou La ley de la calle.

Por último, días atrás, recibían a Medalla de Oro al Mérito en Bellas Artes do Goberno de España dous galegos: o escritor Manuel Rivas e o produtor musical Jesús López.