ESPECIAL 170 ANIVERSARIO

“O FARO” nos cincuenta. Fragmentos de memoria

Ferrín

Ferrín

Escritor

Sobre 1950, no tempo en que Francisco Leal Insua era nomeado director deste periódico, os meus pais ordenaron de trasladar o domicilio de Ourense a Pontevedra (territorio FARO) e, pouco despois, a Vigo. Daquela, algún pavero tachaba o Faro de “portugués” debido a que a impresión en tinta vermella da súa cabeceira o aparentaba co diario lisboeta O Século. O certo é que un forte ligame estaba constantemente tecido e reforzado entre a Associação dos Jornalistas e Homens de Letras do Porto, moi pro-galega, e a Asociación da Prensa de Vigo que presidía Rey Alar. A Praza de Portugal de aquí fora terminada, con bela cabeza de Camões, no Vigo republicano e, a nova e clara Praça da Galiza do Porto, abríase cunha espléndida estatua de Rosalía de Castro no seu centro.

Neste contexto, eu recordo, con viveza, a excursión que, en 1954, o colexio Inmaculada de Pontevedra, no que eu cursaba estudos, xirou a Lisboa e lugares portugueses de interese. Alá fomos e, a petición do centro educativo, eu redactei unha croniquiña so o título de “Por tierras lusitanas. Impresiones de una excursión”. Este traballo foi publicado nas páxinas de FARO DE VIGO e foi a miña primeira colaboración no periódico que, agora, o lector, sostén nas súas mans.

Primeiro artigo publicado por Méndez Ferrín en FARO (abril de 1954)

Primeiro artigo publicado por Méndez Ferrín en FARO (abril de 1954) / FDV

Por aquel tempo, anos 50, Leal Insua resgataba Álvaro Cunqueiro do seu retiro de Mondoñedo e lle abría as páxinas de FARO, en canto José María Castroviejo comezaba a frecuentar regularmente este xornal. Xentes do máximo prestixio intelectual de Galicia, como é o caso de Otero Pedrayo, poideron irradiar a súa influencia desde a primeira páxina dun FARO que se pretendía aberto, no espazo da cultura, aos ventos da galeguidade en época maximamente represiva e adversa. “Salvador Lorenzana”, pseudónimo prudencial de F. F. del Riego, que estaba moi vixilado pola BPS, incorporábase á lista de colaboradores e, con el, Celso Emilio Ferreiro e outros disidentes coma Emilio Álvarez Blázquez. O empeño de Leal Insua facíase evidente.

Na década de 1950 na que celebrou o seu centenario, FARO DE VIGO consolidouse coma un sólido e respectado diario cultural. No plano político e ideolóxico estaba constrinxido polas liñas oficialistas de obrigada glosa e reprodución automática. Mais FARO procurou a súa independencia no eido da cultura con escrita, fotografía e deseño de marcado acento galego e horizonte aberto.

Na cotidianidade, Francisco Mantecón (pai) ocupábase da crítica músical en canto que Xulio Sigüenza escribía sobre libros e exposicións de artes plásticas. Por veces entraba en plana, cun poema neotrovadoresco, o redactor xefe Díaz Jácome. A dimensión mítica tinxíase de surrealismo cos debuxos habituais de Lugrís ou coa fineza de liña de Xosé Sesto ou co humor culto de Agustín Portela. Fotos magníficas de Bene acompañaban informacións non usuais en prensa como podían ser as de curros de bestas bravas na Groba ou Morgadáns.

Nos anos 50 pasados, medraba en Vigo a primeira concentración industrial de Galicia, que definía teoricamente Valentín Paz-Andrade. Da outra banda do mar de Vigo, presentíase Nova York e, acolá, estaba presente o hinterland do Porto colindante. Creábanse a Zona Franca e a Citroën en Vigo, o cal non paraban de glosar as páxinas de FARO. Pero, ao mesmo tempo, Eduardo Moreiras sacaba Mensajes de Poesía e, González-Alegre, a súa revista literaria Alba. X.M.Álvarez Blázquez e Viñas Cortegoso levantaban a editorial Monterrey (logo Castrelos) e Vigo era escollido polos galeguistas como sede de Galaxia.

En tal medio producíase o Faro da miña adolescencia e primeira mocedade que, en 1953, cumpriu 100 anos de existencia. Por este motivo, a empresa e Leal Insua acordaron facer unha publicación extraordinaria en forma de fascículos que constitúe hoxe un volume referencial nas hemerotecas. Os que eramos novos naquela época resultamos favorecidos.

Hoxe, vellos, os supervivintes unímonos á conmemoración do 170 aniversario da fundación de FARO ao pé mesmo do adro de Santa María no que Martin Codax facía danzar as raparigas eternas dos Cancioneiros. Parabéns.