Afonso Eiré | Escritor e xornalista

“O folio en branco non me da medo, pero si non ter tempo para escribir”

“En tódalas miñas novelas os personaxes son ficticios, pero os datos son reais”

Afonso Eiré.

Afonso Eiré. / XAN CARBALLA

M. González

M. González

Afonso Eiré presenta nova obra, “O Militante” (Hércules de Ediciones), una profunda inmersión na vida de Martiño Domínguez, un ex-líder sindical e destacado militante nacionalista que, despois de dez anos afastado da política activa por desavinzas, asume un novo rol como presidente da comunidade de propietarios do seu edificio, na rúa do Con, na cidade da Oliva.

A través da mirada do protagonista, Eiré ofrece unha mirada crítica sobre a política e a sociedade galega a través da narración dos conflitos e as crises sociais da súa comunidade. “Conto o que non queren que saibamos”, di o autor. Segue así a máxima de John Berger: “A imaxinación non é a capacidade de inventar, senón a capacidade de desvelar o que existe”.

–Nesta nova obra fai un repaso da sociedade galega das últimas dúas décadas.

–Si. É unha semblanza social da cidade da Oliva. A idea era facer unha novela sobre un presidente dunha comunidade de propietarios e retratar deste xeito a crise dos últimos 20 ou 25 anos a través desa comunidade de propietarios e do seu barrio.

–E crea a Martiño Domínguez. Inspirouse en alguén en concreto?

–Non. Tamén hai quen me pregunta se son eu, pero tampouco. É un militante sindical, presidente do comité de empresa de Caixasur, e militante nacionalista. O personaxe por si solo vai tendo unha voz propia e un discurso co que repasa, dende o seu punto de vista de militante nacionalista destacado, os principais fitos dos últimos 25 anos de Galicia, co desencadeante da liquidación das caixas. Ó principio non tiña esa idea, pero é Martiño Domínguez o que se fai con voz propia e vai explicando esa labor de investigación que eu tiña feita e que ós lectores sorprenderalles moito porque difire bastante o discurso co que se contou no seu día.

A portada de "O militante".

A portada de "O militante". / Hércules de Ediciones

–Aparece aí a súa faceta de xornalista.

–En tódalas miñas novelas os personaxes son ficticios, pero os datos son reais. Teño esa teima. A obra é pura ficción e os personaxes son puro invento, pero teñen que ser cribles. Eles teñen voz e vida propia e tes que ser honesto con eles, non podes prostituílos. Na honestidade ó escribir e cos personaxes está un dos valores principais dun libro de ficción.

–Esa mirada crítica da sociedade tamén se traslada ó xornalismo?

–Si. Trasládase a todo, tamén ó xornalismo. Hoxe é moi difícil facer xornalismo de investigación, pola súa inmediatez e porque as fontes oficiais se impoñen ás outras fontes. Martiño Domínguez, como sindicalista e como militante nacionalista, é crítico tamén cos medios, ó mesmo que o é coas súas propias organizacións e cos seus compañeiros, cos que chega a romper relacións.

–Por mor diso, cae nunha depresión.

–Certo. E lévao tamén a facer un cambio de vida. Por exemplo, era unha persoa á que non lle gustaba o fútbol, pero vólvese seareiro do Celta. Aí tamén é crítico co xeito de xestionar o fútbol, coa remodelación de Balaídos...

–A Oliva inspírase en Vigo?

–Si. Pódese dicir que é un retrato de Vigo e a rúa do Con está en Beiramar. Fálase, ademais, sobre feitos e datos reais e investigados da cidade.

–Fai falla unha visión crítica, máis análise, nas cousas que pasan?

–Sobre todo fai falta tamén botar a vista atrás para ver certas cousas. A liquidación das caixas, os follóns dos parques eólicos, o tema de Fenosa... Sorprenden moitas cousas se non se analizan e non se vai ó fondo da cuestión. Eu o que quero é que os lectores vaian entrando, pensen e saquen as súas conclusións. Os lectores teñen que facer o seu traballo. Martiño ten o seu discurso pero non ten que ser compartido por todos.

Afonso Eiré.

Afonso Eiré. / Xan Carballa

–Martiño ten unha visión crítica e pesimista de moitos temas: desafiuzamentos, a ocupación, a prostitución, a saúde mental... Comparte o seus punto de vista?

–Se eu tivera que explicar as cousas non as explicaría como Martiño, porque eu son máis optimista. En Martiño, ademais, vese a súa evolución como persoa, como se queda solo e perde as referencias e ós amigos, cae nunha depresión e ten que ser medicado.

–Como está sendo a acollida desta obra?

–Antes de publicalo mandeille algún capítulo a un empresario bastante importante que está en Madrid e díxome: “Este non é un libro para facer amigos”.

Hoxe é moi difícil facer xornalismo de investigación

Afonso Eiré

–Con esta obra mantén o seu compromiso coa lingua e a cultura galega.

–Iso supónselle. Eu son un escritor galego, non son dos que fan a tradución ó castelán das súas obras. Négome. Unha das miñas teimas é non escribir con 300 palabras galegas e non usar a linguaxe máis rica que se poida ou recuperar palabras que se están a perder e que non veñen no Dicionario da Academia, porque non as podes recoller todas, loxicamente. Dos máis de vinte libros que teño, sempre escribín en galego; a miña foi unha aposta vital e puiden facer a miña carreira xornalística en galego, aínda que tamén teño colaborado e sigo colaborando en medios españois nos que escribo en español.

–Sempre aparecen ideas novas sobre as que escribir?

–Ideas sobran. Non me asusta o folio en branco, o que me da medo é non ter tempo para escribir. Hai moito que contar. Ademais, escribo porque o paso ben, non me atormento. Non son deses escritores que escriben para botar fóra nada, nin para facer axuste de contas. Empecei a facer coplas ós sete anos e levo toda a vida escribindo e contando cousas. Sempre me gustou.

Suscríbete para seguir leyendo