Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Monseñor Cerviño, bispo de Tui-Vigo

Foi ordeado sacerdote con 26 anos, estudou en Salamanca e foi bispo da diocese dende 1975 ata 1996

Cos compañeiros do seminario de Tui, no ano 1936.

O que vai chegar a ser bispo de Tui- Vigo, nace na parroquia de Aldán o 21 de agosto de 1920, fillo de Román e Ramona. Un dos máis pequenos de 13 irmáns, coñecido entre os amigos como José da Praia. Os primeiros estudos fíxoos na escola do Pósito de Aldán. Gustáballe a lectura, o fútbol, as excursións, a praia e a pesca.

Con 13 anos ingresa ao Seminario de Tui onde estuda Latín e Humanidades. Logo vén a guerra e a finais de 1938, alístase como voluntario na chamada Centuria de Marín, convertida en Compañía de Ingenieros Zapadores, pertencente ao Corpo do Exército en Galicia. Aquí permanece até o remate da guerra que segue cos estudos de Filosofía e Teoloxía no Seminario de Santiago, durante seis anos.

Foi ordenado sacerdote aos 26 anos e o Domingo de Pascua, celebrou a súa primeira misa na parroquia natal, coa presenza entrañable da súa nai Aurora. Unha muller moi relixiosa que fixo que Aldán se convertese na parroquia con máis cregos de toda Galicia.

O seu primeiro destino foi coadxutor da parroquia de San Miguel dos Agros e consiliario diocesano dos mozos da Acción Católica. Con 27 anos marcha a estudar Dereito Canónico á Universidade Pontificia de Salamanca .

Rematados os estudos, a petición do bispo da diocese e coa anuencia do arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios regresa para ocupar o cargo de Vicerreitor do Seminario de Tui durante catro anos.

Incorpórase de novo á Diocese de Santiago ao ser nomeado Prefecto de latinos e filósofos, entón denominado Director de Disciplina. Neste anos e até 1961 encárgase da dirección da revista diocesana da A. C. Ultreia. Tamén foi nomeado Xuíz Prosinodal da Curia.

Un 11 de marzo de 1953 colócase a primeira pedra do Seminario Menor de Belvís que comeza a recibir alumnos tres anos despois. Cerviño foi nomeado reitor para dirixilo. Oito anos despois toma posesión da Canonxía da Penitenciaría e ocupa a cátedra de Teoloxía Moral no Seminario Maior e de Relixión na Universidade Civil.

En 1968 foi nomeado Bispo Auxiliar de Santiago, Vicario Xeral do Arcebispado e titular da Cidade dos Muchachos de Benposta (Ourense) que chegou a ter sona en todo o mundo da man do Pai Silva co Circo dos Muchachos.

Aconteceu que na primeira semana de decembro de 1971 falece o Cardeal Quiroga Palacios. O Cabido diocesano desígnao para exercer a xurisdición diocesana e, en sesión extraordinaria é nomeado Vicario Capitular.

.Durante este tempo non só é membro da Comisión Episcopal de Seminarios da Conferencia Episcopal Española, senón tamén da súa Comisión Permanente. A partir de 1975 foi nomeado Administrador Apostólico e bispo da Diocese de Tui- Vigo con potestade propia. Permanece no cargo até 1996 que pasa a ser Bispo Emérito compartindo a Residencia Sacerdotal da Guía coa casa familiar do seu Aldán natal.

Monseñor Cerviño vinculado ao Concilio Vaticano II, participou noutros moitos labores de dirección da igrexa galega: Presidente da Comisión Interdiocesana para a Lingua Galega, participa na publicación do primeiro misal romano na nosa lingua. Foi tamén Presidente da Comisión Mixta para o Patrimonio da Igrexa Galega. Membro da Comisión de Caridade e Promoción Social da CEE, Misión e Cooperación entre as Igrexas, Patrimonio Cultural.

Cerviño foi nomeado polo concello de Vigo como Vigués Distinguido en 1997 e Fillo Predilecto de Cangas polo noso concello. O bispo emérito da diocese de Tui- Vigo, faleceu o 18 de abril de 2012, no Centro Médico de Povisa, aos 91 anos de idade. A capela ardente estivo instalada na Concatedral de Vigo sendo soterrado na capela do Santísimo na Catedral de Tui, no arco onde está a Virxe do Rosario.

Moi amante das viaxes, percorreu cos amigos moitos lugares da península e polo seu cargo visitou Italia, Terra Santa, e moitos países de América. Gustáballe a lectura e a música clásica (foi membro dunha Scola Cantorum), gustáballe estar moi ben informado, lía diariamente até cinco xornais. Os seus compañeiros e os seus fregueses lémbrano como unha persoa intelixente, moi atenta ao clero é á xente. Cun carácter moi noso e cun grande sentido do humor.

*Membro de A Cepa e crego

Compartir el artículo

stats