O sábado 2 de xuño o Mosteiro de Carboeiro e a súa contorna acollerán os XIX Encontros de Música Tradicional. A Asociación Intercultural Santa Ferreña fai unha chamada a avivar-e o baile, a non ficar impasibles e reivindicar "o carácter libre da nosa tradición oral e musical e das expresións artísticas en xeral, que ao longo do tempo souberon resistir e expresar o sentir do pobo mesmo en épocas de censura e tempos escuros, coma estes en que as manifestacións que cuestionen o discurso hexemónico son penalizadas".

O programa comeza coa sesión vermú amenizada por músicos da bisbarra, por volta da unha, seguida pola procesión da Santa Ferreña acompañada polos papamoscas de Viravolta. Antes terá lugar a poxa das andas. Este ano volve haber coca. O xantar popular ofrece empanada, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño ou auga e café con gotas, todo por 15 euros. Non ha faltar a feira de artesanía (instrumentos tradicionais, coiro, abelorios, xoguetes, cerámica, títeres, bixutería...), e, xa pola tarde, haberá xogos tradicionais con Xandobela e Itaca. Eira xandobeleira é unha ludoteca itinerante con xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos populares e tradicionais de épocas e lugares diversos.

Como cada ano, poderase visitar durante todo o día unha exposición centrada na cultura popular tradicional galega. Este ano recolle remedios, prácticas e ritos curativos da medicina popular tradicional, a través de pezas cedidas polo Museo do Pobo Galego, do arquivo de Gustav Henningsen. Son algunhas das pezas que integraron a mostra Galicia Máxica. Fotografías etnográficas (1965-1968) no propio Museo: Henningsen veu a Galicia no 65 para estudar as crenzas na bruxaría, e percorreu as catro provincias e a zona occidental de Asturias ao longo de 20 meses. Mostraranse vídeos das recollidas de Ana Lois Gómez, que lidera Palabras Secretas, proxecto colectivo do patrimonio inmaterial relacionado con este ámbito. Recóllense rituais de sanación utilizados na cultura galega que, ao romperse a cadea de transmisión oral interxeneracional, están en perigo de extinción: "Os vellos e vellas non transmiten a súa cultura porque durante moitos anos lles fixeron crer que non valía, igual que falan castelán cos netos e netas porque lles fixeron crer que o galego era de pailáns. Devolverlle a dignidade ás persoas maiores é o único xeito de que empecen a contar cousas e de que nós reconstruamos a nosa cultura", explica Ana Lois. A exposición amosa tamén mostras de plantas medicinais ou pegadas destes saberes na literatura oral. Esta "máxica" exposición contará coa presenza, xa habitual, dos títeres do Museo da Marioneta, Casa do Títere de Lalín.

Os Encontros consisten en encontrarse e compartir: no patio do mosteiro atoparase o Recuncho do tocar, para todos os músicos e músicas que queiran botar unhas pezas nun espazo recollido. Xa á tarde, Celso F. Sanmartín achega unha sesión de contos titulada Crer para ver, na capela do mosteiro. Tamén haberá lugar e tempo para un faladoiro, Herba mala nunca morre, sobre os usos tradicionais, identificación e propiedades medicinais de plantas da comarca. Será a cargo de Alberto Granja, boticario formado en fitoterapia e ecoloxía vexetal e gaiteiro lalinense. E xa ao que se vaia facendo noite, seguirá a foliada.